Coñece os castelos ocultos da Costa da Morte que están en perigo por megaproxectos eólicos
Queres coñecer os castelos ocultos da Costa da Morte?. En toda esta comarca hai moitas estruturas castelarias, a gran maioría da época medieval, aínda que moitos delas están en ruínas e en perigo ante a construción de varios megaproxectos eólicos na comarca.
Comeza o noso recorrido en Cabana de Bergantiños, na parroquia de Canduas. Partimos da Pena do Raposo en dirección ao Pico de Sinde, Monte do Gontón, Alto da Fernandiña, Pedra da Moa e o Castelo de Borneiro. Pasamos pola igrexa do Lobo, para continuar cara o Castelo Grande e o Castelo Pequeno. Cruzamos o rego do Esmorís en dirección ao Castelo do Allo, xa no municipio de Zas e baixar a continuación cara o Castelo de Muriño, a Pedra Ancha e a Pedra Longa.

Castro de Borneiro, en Cabana / Petón do Lobo
Estamos a visitar un área xeográfica que se atopa sobre todo entre o Roncadoiro e o rego dos Muíños de Canduas que desemboca na enseada do Lodeiro, preto dos Castros e o rego de Esmorís, en Cesullas, co val do Pereiro aos pés do Monte de San Lorenzo.
Chama a atención sobremaneira a cantidade de estruturas castelarias rocheiras que dominan a paisaxe. Desde o Castelo de Borneiro ao Castelo de Muriño, sen esquecer os numerosos castelos do municipio lindeiro de Laxe: o Casteliño, preto do Castro da Torre, a Torre de Xallóns, o Castelo, o Castelo de Sueiro, os Castrallóns e as Penelas, á beira do río San Amedio, e por suposto, sen esquecer nunca o Castro de Borneiro, o castro de Sinde, o castro de Anós, o castro de Corcoesto…; e moitos outros que hai no municipio cabanés.

Mirador de Sinde, Canduas, en Cabana / Petón do Lobo
Dos castros aos castellum e penellas
Coa Idade do Ferro proliferan os castros no noroeste peninsular e hai un auxe dos hábitats fortificados. Unha fortificación que continúa despois. A finais do século IX xa dominan os castellos e as penellas. A penela alude a unha estrutura militar levantada entre e sobre rochas, de menor importancia que os castelos. Na meirande parte dos casos limitábase a ser un posto militar secundario. Así pois, aproveitábanse os afloramentos graníticos para adosar neles as construcións defensivas.
E tal a riqueza patrimonial desta área que chama moito a atención a falla dun estudo minucioso sobre a mesma. Estas estruturas castelarias, a súa relación coa paisaxe e a orografía do terreo no que se ubican e a súa proximidade á costa atlántica non é casualidade. Nun contexto no que se xestaba a monarquía feudalizada de control e conquista do territorio nun sentido amplo: político, económico e social, estas estruturas son o símbolo da perda do control do campesiñado sobre a terra e o sometemento ao poder feudal.

Castelo Sueiro, en Laxe / Petón do Lobo
Estas estruturas defensivas preto da costa atlántica e cunha clara vocación de control do territorio datarían do século IX e manterían a súa importancia ata ben entrado o século XII –XIII. Algunhas como a Torre da Penela prolongarían a súa importancia ata o século XVIII, e outras como a Torre de Corcoesto, caerían nas revoltas irmandiñas no século XV.
E chegan os muíños de vento
O que antaño era mostra da feudalización e do réxime señorial, arestora é a ubicación perfecta para os parques eólicos. Mudan os tempos pero perviven as formas e sobre todo as estruturas de conquista do territorio. Así temos o proxecto eólico Muriños pensado para ubicarse no Castelo Muriños e coa seria afección ao Castelo de Borneiro, a Pedra Ancha e Pedra Longa, e sobre todo á mámoa do Pico de Sinde, á beira do aeroxenerador M1, un dos catro que pretende instalar Fenosa Wind.
Por outra banda, en Laxe temos o proxecto eólico Pena Forcada –Catasol II que abocaría a desaparición do Castelo de Sueiro (solleiro, soleado) ou castelo do Sol ou da Estrela. Aos lados pedras sólidas garantírían a seguridade do castelo (Cal de Moreu). Desde a súa ubicación pódese apreciar á redonda unha paisaxe de alto valor estético e paisaxístico. A praia de Traba, Soesto, lagoa de Traba e a paisaxe protexida “Penedos de Pasarela- Traba”. Ambos os dous parques, tanto o de Canduas como o de Laxe, están a ser promovidos pola empresa Fenosa Wind, quen busca o control eólico da zona, pero tamen indirectamente o control do territorio e gañar influencia sobre o mesmo.

Castelo de Muriño, en Canduas, Cabana / Petón do Lobo
A sociedade non está a ser consciente do que se está a xogar. Non estudamos as estruturas castelarias do pasado e sostén futuro do turismo e do desenvolvemente sostible, pero sí as substituímos por aeroxeneradores. Non só está en perigo o rico e variado patrimonio cultural e arqueolóxico, neste caso da Costa da Morte, na meirande parte sen estudar, senón que a cidadanía pode perder o control sobre do territorio e por tanto, sobre a súa liberdade e a autonomía para decidir sobre o territorio que habita, a paisaxe e a súa forma de vida.
No ano europeo do Patrimonio cumpriría coidar máis o patrimonio local e tomar exemplo de Portugal, quen dispón de estudos pormenorizados dos castellos e penellas rocheiras de todo o país, todos eles como bens catalogados e integrados nunha entorna coidada e paisaxísticamente ordenada.