fbpx
Vista de Castro Candaz, parcialmente asolagado polas augas do encoiro de Belesar / twitter @KrisPereiras

Existe unha identidade galega “no confín dos verdes castros”?

Tempo de lectura: 3 min.

Que se pode facer para protexer o patrimonio? Segue a ser o patrimonio galego un recurso? Cal é o futuro do noso patrimonio? Estas foron as últimas preguntas que se intentaron responder no ultimo coloquio do ciclo Nexos, que dende o pasado mes de xaneiro organiza a Cidade da Cultura de Galicia. O ciclo Nexos, que xa vai pola súa quinta edición, pretende ser un espazo de reflexión para descifrar as claves e tendencias do hoxe, tratando de “ollar cunha visión panorámica” “as fronteiras do coñecemento”. Organizado por Marcos Lorenzo, este espazo de reflexión trata, segundo a organización, “de ofrecer un petisco cultural para a mañá dos sábados, tratando de arroxar algo de luz sobre temas complexos da nosa cultura.

Máis nesta ocasión, o pasado sábado 24 de marzo ,o patrimonio cultural foi o protagonista, nunha presentación que non se quedou nin moito menos en aperitivo. A nova entrega deste ciclo, unha das de, se cadra, maior interese para o mundo da historia e da cultura de Galicia, deixou un conxunto de importantes reflexións sobre por que se está a estragar o noso patrimonio. Pois baixo o título No Confín dos verdes castros… o patrimonio e a identidade de nós o profesor Felipe Criado-Boado presentou a visión persoal, como investigador do CSIC, a unha das preguntas máis cruciais da cultura de Galicia neste momento.

Porque, tal e como se presentaba no programa “nas últimas décadas unha serie de prácticas están a ameazar ese tesouro: a construción indiscriminada de obra pública e privada, a expansión forestal, o espolio de obxectos a mans de tramas organizadas… Por outra parte non debemos esquecer que as dinámicas do presente tamén crean novos patrimonios que merecen atención e coidado”. Pero, por que este rico patrimonio, herdeiro dun dos territorios europeos máis intensamente humanizados na historia, está a ser gravemente ameazado?.

Cartaz promocional da charla / Cidade da Cultura

Identidade e territorio

Segundo Criado-Boado as claves para comprender este fenómeno poden atoparse agochadas nas nocións de identidade e territorio. E é que o patrimonio ten que ver ante todo coa identidade, con sobre “quen somos nós”. “O patrimonio é en realidade a nosa propia identidade”, o concepto de pertenza e de identidade grupal. O patrimonio é un mediador do “momento de referencia no que nos movemos”, xa que en Occidente o verbo “ser” é tan destacado e nos fai focalizar o mundo precisamente na noción de quen somos nós.

Un paralelismo curioso nos permite entender o problema. Pois nos conxuntos líticos do Barbanza, un dos obxectos de estudo do CSIC, demóstrase que a aliñación determinada das mámoas servía para referenciar o home no espazo abstracto. Do mesmo xeito o patrimonio actual serve para identificarnos no espazo puro e máis para orientarnos no propio tempo. E é precisamente por este concepto de identidade, e porque a identidade non se media igual para todos, polo que o patrimonio se está a perder, xa que en moitas ocasións un patrimonio declarado é contestado por unha parte da sociedade ou á inversa. Para Criado-Boado é, precisamente por isto, polo que se precisa unha intensa función de mediación.

Felipe Criado-Boado, é profesor de investigación do CSIC , director do Instituto de Ciencias do Patrimonio e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos. Membro de diferentes comités e comisións científicas internacionais e impartiu aulas en diferentes universidades de Europa e América. Os seus últimos libros “Arqueológicas. La razón perdida” e “Atlas Arqueolóxico da Paisaxe Galega”, son xa referentes do noso presente académico. Xunto con el o artista Carlos Meixide presentou  “O fracaso do meu patrimonio”, utilizando os bens patrimoniais a xeito de materia prima para o seu singular monólogo. Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente puxeron o punto e final á xornada cuns petiscos.

Felipe Criado-Boado e Marcos Lorenzo durante a ponencia / foto Historia de Galicia

nota: No confín dos verdes castros ademais de ser un verso do poema Os Pinos de Eduardo Pondal, foi tamén unha moi coñecida campaña publicitaria do Concello de Cabana de Bergantiños á comezos do actual século e un album do grupo de música tradicional Milladoiro inspirado neste Concello.

 

Pode que che interese...