fbpx
Noia / foto cheligrafiaCC0

Noia, a vila que naceu despois dun gran ataque viquingo

Tempo de lectura: 3 min.

Segundo a lenda, foi Noela, a neta de Noé quen fundou a vila de Noia, asentándose alí tralo diluvio. Porén, máis alá da lenda, a histórica vila de Noia ten un nacemento moi real que se remonta ó máis profundo da Idade Media, como vila mariñeira e comercial. Con Fernando II quedaría instaurada como vila na súa ubicación actual. Foi un 9 de abril de vai 850 anos cando un documento asinado por este monarca dálle ó nacente núcleo de Noia na súa condición de vila.

E é que, aínda que os asentamentos na contorna da vila se remonten ata 5.000 anos, con presencias megalíticas, castrexas, romanas, suevas e bretonas, foi coa incursión normanda de 1115 cando se viu a necesidade dun emprazamento formal e fortificado para unha nacente vila de mariñeiros e comerciantes. Daquela por máis de seis meses os normandos instalados na illa da Creba asolaron a costa noiesa obrigando a súa repoboación. Trala súa retirada, o rei Fernando II funda a vila na súa localización actual, a través dun documento de 1168 coñecido como Carta Puebla.

Noia, laudas medievais / foto Luis Miguel Bugallo Sánchez CCBy wikimedia

Os primeiros habitantes aproveitaron a súa proximidade á cidade de Compostela, e as bondades da máis setentrional das Rías Baixas, para erguer a que en pouco tempo sería un dos principais asentamentos do Reino de Galicia. A vila de Noia converteuse así nunha das localidades máis relevantes do reino, pois esta vila, pola súa proximidade á Santiago foi escenario de acontecementos históricos singulares, chegando a considerarse en moitas ocasións o porto da cidade. Así, tralo seu nacemento, a vila foi testemuña de diversas loitas entre os arcebispos composteláns e os nobres galegos, que en non poucas ocasións rivalizaron polo control do asentamento.

Mais tamén haberá importantes alianzas, como a que a comezos do século XIV, fai Rui Soga de Lobeira, señor de Noia,  co arcebispo Berenguel de Landoira para sufocar as rebelións burguesas da cidade apostólica. En agradecemento o arcebispo fortifica a vila cunha alta muralla que delimitará o que é o actual casco histórico dándolle en boa medida a fisionomía actual. Será a partires de este momento cando a vila de Noia se converta nun dos portos comerciais máis importantes do reino. Pouco importa que algún tempo despois Rui Soga fora asasinado o os Irmandiños conquistaran a súa fortaleza noiesa de Tapal, a vila a partires daquela seguirá a progresar como porto comercial, pesqueiro e protoindustrial.

A Carta Puebla 

Unha carta puebla ou carta de poboación é un privilexio de poboación chartae populationis dun documento polo que os reis cristiáns e os señores eclesiásticos ou laicos outorgan unha categoría a unha determinada entidade de poboación, como por exemplo vila ou cidade. Este privilexio, durante o Antigo Réxime foi un acta esencial para as poboacións que as recibían pois eran unha das manifestacións máis claras do dereito local da idade medieval e moderna. Con esta carta de privilexio os reis ou nobres buscaban a obtención de determinados fins, coma a repoboación de determinadas zonas de interese económico ou estratéxico ou a concesión de determinados favores a poboacións afíns. A vila de Noia conseguiu a súa o 9 de abril de 1168.

A vila de Noia na actualidade / foto cheligrafiaCC0

Pode que che interese...