Os estudantes galegos poderán xa cursar o Grao en paisaxe
O concepto de paisaxe é complexo. Non son poucos os investigadores ó longo da Contemporaneidade que intentaron definir este concepto tratando de formular como abstraemos o territorio que vemos cando miramos o espazo dun xeito estetizado. Investigadores como Alain Roger, Joan Nogué, Federico López Silvestre ou Javier Maderuelo arroxaron moita luz a este concepto nos últimos anos. Pero tamén hai grandes profesionais dende Le Nôtre ou Joseph Paxton á galega Isabel Aguirre que se enfrontaron ó xeito físico de construír a paisaxe. Mais as universidades de Santiago de Compostela e Da Coruña por primeira vez, e de xeito único en todo o Estado, decidiron, a partir do vindeiro setembro, apostar fortemente por este concepto e por esta profesión coa organización do primeiro Grao en Paisaxe.
O grao, dirixido por Isabel Díaz da Universidade de Santiago de Compostela e Cristina García da Universidade da Coruña, nace dunha triple alianza entre escolas técnicas e facultades destas dúas universidades. Será a Escola Politécnica Superior de Enxeñería do campus de Lugo da USC e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da UdC as que funcionarán de anfritionas e sede dos cursos. Mais tamén profesionais teóricos, xeógrafos, filósofos e historiadores da arte da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, serán a terceira gran pata deste ambicioso proxecto educativo.
A oferta académica, desenvolvida en catro anos, utilizará as instalacións das dúas universidades, impartíndose os dous primeiros anos no campus de Lugo e os dous segundos no da Zapateira da Coruña. Entre as materias ofertadas atópanse debuxo da paisaxe, xeografía informática, ecoloxía, xeoloxía, técnicas matemáticas, vexetación aplicada á paisaxe, sistemas forestáis, lexislación aplicada ou arte e paisaxe. Espérase que este grao supere a vella estrutura do arquitecto paisaxista, ata o de agora unha especialización de posgrao da ETSAC, e dé lugar a novos profesionais que se beneficien da ambición e a interdisciplinaridade coa que se proxectou este esperanzador grao.