Os fachos asaltan o Castro das Barreiras e o Castelo de Vimianzo
O pasado 2 de abril, tal e como informábamos neste xornal, comezaron as escavacións do castro das Barreiras no val de Ogas, en Vimianzo, un dos xacementos da era castrexa máis singulares da Costa da Morte. Unha actuación autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio, e financiada integramente con fondos propios do Concello, dirixida polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, e que é unha das actuacións máis agardadas nesta comarca. Mais precisamente o grupo de traballo do castro non se conforma con desenterrar o xacemento e darlle un novo monumento visitable ó rico patrimonio de Soneira, senón que queren, dende o principio, implicará propia cidadanía no desenvolvemento dos traballos.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com
Así, varias son as iniciativas que o grupo puxo xa en marcha para divulgar este patrimonio, entre elas a organización de visitas guiadas ó xacemento así como a implicación dos veciños na difusión dos traballos a través das redes sociais. As visitas guiadas, segundo puido coñecer este xornal, faranse os venres e terán como anfitrión ó propio Tito Concheiro, director das escavacións. No tocante ás redes sociais, o grupo de traballo xa ten perfís abertos nas principais, dando conta dende o comezo da actuación do desenrolo das mesmas, apelando ós cidadán a coñecer os seus traballos e o propio monumento.
“Quedades todxs convidadxs. Comeza a crónica do proxecto Barreiras 2018” así dicía algunha das primeiras publicacións. Tamén se invitaba ó acceso na propia páxina web do xacemento, dentro do portal do Concello de Vimianzo, e se lanzaba un potente logo co que o grupo de traballo pretende centrar as atencións. Nesta web e nas redes sociais, polo de agora, vaise informando ó público de todas as novidades que aparezan no xacemento, así como os avances que se produzan nos traballos. “Comeza a asomar o vello poboado de Ogas. Observade que tamañazo promete esta cabana!!”, dicían no portal, entre outros moitos comentarios.
Fachos, lendas e historiografía do xacemento

Logo da campaña do Castro das Barreiras _ Concello de Vimianzo
Tamén a historiografía do propio castro xoga un papel capital, recordándonos non so os estudios e prospeccións feitas no pasado, senón tamén a importancia que este xacemento tivo entre os veciños. Foi o histórico arqueólogo Manuel Chamoso Lamas un dos primeiros en traballar pola preservación do castro, solicitando persoalmente que trala concentración parcelaria quedase este en mans do Concello, o que permitiu que pervivira ata hoxe. Tamén define no portal o estado do propio castro a mediados de século, coa publicación dunha foto dun voo americano extraída do IET da Xunta de Galicia entre os anos 1956 e 1957. Nela vese o xacemento nun estado de conservación moi semellante ó de hoxe, en medio de plantacións, mais libre das edificacións de vivendas que a día de hoxe o cercan.

Catas arqueolóxicas no castro de Barreiras / foto Concello de Vimianzo