Os arqueólogos volven ó Monte do Facho
O pasado día 11 de maio Carmela Silva, a presidenta da Deputación de Pontevedra anunciábao, o Monte do Facho no Cabo Home, en Cangas, volverá ser escavado. Prevía daquela que a campaña comezara precisamente a pasada semana, no marco dun convenio anunciado co Ministerio de Fomento no que se prevé investir 257.000 euros. As obras serán executadas nun primeiro momento pola Deputación de Pontevedra mentres que mais tarde tomaría o relevo o Ministerio para levar a diante obras de musealización.
A campaña será unha das de maior escala das que se farán en Galicia este ano, xa que a intervención estenderase ó longo de seis meses nos que pretende escavarse máis de 1.300 metros cadrados. A escavación incluirá tamén a consolidación da zona xa escavada no pasado que tivo a súa última campaña no ano 2014 e outras anteriores, as máis importantes no ano 2008. Con isto sen dúbida consolidarase un dos enclaves castrexos máis importantes da costa galega, que podería chegar a ter á vista máis de medio centenar de edificacións, nun dos entornos máis impresionantes de Galicia.

xacemento no Monte do Facho / foto turismo.gal