Qué coñecemos do castro da Piringalla e do extrarradio romano de Lugo?
Como eran as aforas do Lugo romano? Non é unha pregunta moi sinxela de resolver, porque, a pesares de que se coñece moito do Lugo intramuros non se coñece tanto do que estaba máis alá da impoñente muralla. Se ben é coñecido o entorno de San Roque, onde se construíu un centro arqueolóxico, ou doutras zonas onde se atoparían necrópoles, como o barrio de Recatelo, a día de hoxe aínda non se coñece con exactitude o lugar no que estaría o anfiteatro da cidade, probablemente nas hortas do Carmen.

Hipótese da situación do anfiteatro e da palestra romana en Lugo / http://amphitheatrum.blogspot.com.es/
Outro dos grandes descoñecidos é a relación de Lucus co seu entorno inmediato, co seu extrarradio por así dicilo. Aínda que hai castros como o de Viladonga nas proximidades, e de que existen ata 14 castros documentados no concello, saber como foi a ocupación da cidade fronte a sociedade preexistente non é precisamente doado. Se ben no ano 2017 atopáronse na rúa dos Cregos restos dun poboado castrexo, constituíndo a primeira proba de que a cidade romana podería estar levantada enriba dun, non hai moitos máis datos. Mais si existe outro exemplo na cidade que pode ser unha peza clave para entender a ocupación do territorio inmediato de Lugo. Este é o castro da Piringalla, na zona norte da cidade.
O xacemento arqueolóxico da Piringalla, ó pé dos depósitos de auga da cidade, foi atopado no ano 1996 e escavado parcialmente no 2008. Neste ano 1996 durante un control arqueolóxico na instalación da rede de gas na cidade apareceu un depósito de materiais incluíndose daquela no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta. Mais no ano 2007 unha obra relacionada cos próximos depósitos deu lugar por completo ó achado. Entre decembro dese ano e febreiro de 2008 fíxose daquela unha campaña arqueolóxica que revelou a importancia dun castro que podería ser sen dúbida unha peza clave para entender o asentamento de Lugo.

A Garda Pretoriana de Lugo sae por unha das portas da antiga muralla romana da cidade / concellodelugo.gal
Roberto Bartolomé é un dos grandes investigadores sobre o tema. Na tarde deste día 25 Bartolomé dará unha conferencia no Centro Cultural o Cárcere Vello, na que dará a coñecer a súas investigacións sobre este enclave e a súa relación coa cidade. Para el é un castro especialmente particular, xa que foi arrasado en época romana mais non se sabe con exactitude por que. En época xa romana habería un derrube das fortificacións e un reenchido dos foxos, así como diferentes elementos que demostran distintos substratos na súa ocupación, posiblemente ata o propio declive de Lucus Augusti, como afirmaba hoxe para El Progreso.
Xa no propio ano 2008 investigadores como Rodríguez Colmenero destacaban a importancia deste xacemento, e nos anos 2011 e 2016 o BNG fixo varias campañas pedindo a escavación. Mais a falta dunha intervención máis profunda, o castro segue sendo un verdadeiro filón para coñecer o pasado da cidade. Segundo Bartolomé, a súa escavación e investigación profunda podería aportar novos achados, como epigrafías, información das construcións, o trazado do acueduto ou a proximidade coa estrada á Brigantium, ademais de darnos algunhas claves sobre o sometemento da poboación precedente.

Probas de castrexos en banda deseñada / Manel Cráneo