fbpx
Cartel da exposición

Técnicos que colaboraron coa gran exposición sobre Reino Suevo afirman non ter cobrado o seu traballo

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 6 de maio clausuraba a que sen dúbida pode ser denominada como a exposición do ano en Ourense. A exposición In tempore Suevorum, a primeira gran monográfica sobre o Reino Suevo en Galicia. Inaugurada o 15 de decembro, chegou ó seu fin despois de cinco meses e de de 45.000 visitantes. A exposición Patrocinada pola Deputación de Ourense e coa organización do Centro Cultural Marcos Valcárcel, reuniu máis de 200 pezas procedentes de 39 museos, algunhas de un enorme valor histórico-arqueolóxico. Entre elas había pezas traídas mesmo da Dumbarton Oaks Collections, de Washington.

Mais a que semellaba ser unha das grandes exposicións do ano, e máis un éxito cultural do goberno provincial, segundo recolle o xornal de tirada nacional Público, parece que tivo tamén as súas luces e sombras. Segundo relata o xornal, a Deputación de Ourense clausuraba a exposición sen ter pagado ós técnicos que redactaron as fichas das pezas cedidas. Ademais, fálase dunha chapuza organizativa, ó non contarse coa planificación e execución necesaria que implica unha exposición destas características, como afirma na nova unha técnico dun dos museos cedentes.

Alumnos da Universidade do Minho durante a visita á exposición / foto In Tempore Suevorum

E é que as obras procedentes ata 10 países, como é habitual nestes casos, serían cedidas xunto cunha ficha despois empregada para a publicación da exposición. Mais unha vez clausurada a exposición moitos destes técnicos, sempre segundo o xornal, aínda non recibiran os pagos correspondentes. Non é so que non os recibiran, senón que, como afirma esta técnico do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo, tampouco aparecen os seus nomes no catálogo da mostra, nin se lles enviou o certificado acreditativo da súa contribución. Tampouco, tan sequera, recibiron a copia de cortesía do propio catálogo. Algo que como pouco implica un menosprezo a institucións que cederon as obras de xeito gratuíto.

Ademais a técnico denomina como “chapuza” a exposición, xa que a Deputación tería incumprido tamén o convenio asinado co museo sobre as condicións de cesión, ó non desenvolver traballos contratados sobre as pezas. Tamén afirma o xornal que esta mesma situación repetiuse en outros museos colaboradores, perante os que, segundo o medio, incumpriron tamén o asinado. Entre outros motivos unha das condición era a presencia dun experto na desmontaxe das obras clausurada a mostra, xa que contábase con pezas dun  gran valor, mais que tería quedado nas mans dun auxiliar administrativo.

Autoridades tras a visita á exposición / foto In Tempore Suevorum

Pode que che interese...