A Coruña terá a súa propia festa romana co Ave Crunia, no IX aniversario como Patrimonio da Torre
O único faro romano en funcionamento no mundo é a Torre de Hércules. Un faro situado na península da cidade e que xa en tempos de Traxano tería exactamente a mesma función que hoxe en día, guiar a navegación. Foi construída entre os séculos I e II d.C., sendo o seu arquitecto Gaio Sevio Lupo, e aparece mencionada por Orosio no século V e representado en varios mapas como mapamundi do Beato do Burgo de Osma en 1086. Na Idade Media deixou de ser faro para converterse nunha fortificación obxecto de disputas entre o Conde de Traba e o Arcebispo Xelmírez. Despois de que se lle caera a estrutura exterior, no ano 1788 Eustaqui Giannini refórmaa exteriormente en estilo neoclásico, deixando o edificio tal e como vemos hoxe en día.

Inscrición sobre Gaio Sevio Lupo, arquitecto da Torre
Por todos estes motivos e por ser unha testemuña do uso dos faros dende a antigüidade e da continuidade das rutas atlánticas na historia dende época romana, o 27 de xuño do ano foi proclamada Patrimonio da Humanidade. A declaración foi en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO e converteuse dese xeito no cuarto monumento recoñecido por esta institución en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Histórico de Santiago de Compostela. Dese máis que importante feito fará a finais deste mes exactamente nove anos.

Torre de Hércules / foto jacouceCC0
Ave Crunia, unha nova festa histórica para a cidade
E é por isto polo que o Concello da Coruña programou entre o 27 de xuño e o 1 de xullo distintas actividades abertas á cidadanía, tratando de converter esta data nunha verdadeira celebración. Entre as actividades haberá un concerto conmemorativo da Banda Municipal, concertos do Orfeón Herculino e A.S. Aturuxo. Mudarase a iluminación da Torre, na noite do 26 ao 27 de xuño, e inaugurarase dentro dela unha exposición de fotografía resultado do concurso celebrado a través da rede social Instagram. Haberá tamén gran cantidade de actividades para os cativos como obradoiros vinculados á natureza, de sombras chinesas e de marionetas, de papel ou un obradoiro de cómic. Tamén na fin se fará unha parada gastronómica ó pé da Torre con música en directo.

Imaxe do Ave Crunia de 2017 / foto The Royal Green Jackets
Mais as actividades máis destacadas serán aquelas orientadas a facer viaxar no tempo á cidadanía da Coruña. Concretamente ó século I d.C., dous mil anos atrás. Pois Coruña quere recrear a época en que foi construído o antigo faro. Pois dende o propio mércores 27 até o sábado 30 sucederanse as recreacións históricas chamadas Ave Crunia. Estas virán da man das asociacións culturais Royal Green Jackets, Esgrima Antiga e Gallaecia Viva. Haberá unha Escola de Pequenos Lexionarios e Ladiadores, un photocall romano, dramatizacións das vidas militar e civil romanas e charlas divulgativas. As representacións contarán ademais co apoio da compañía de teatro Noite Bohemia, que realizará xogos de mesa romanos para todos os nenos e nenas na noite do 27. Esta agrupación tamén representará o sábado 30 a obra Troyanas.

Torre de Hércules / foto SusoBandeCC0