A Deputación da Coruña rehabilitará o singular muíño de vento de Laxe
De todos é sabido que Galicia é o país dos mil ríos e por tanto dos milleiros de muíños. A auga en Galicia foi un dos motores da nosa economía e a enerxía que moveu fábricas de luz, batáns, ferrerías, tanto coa forza dos ríos como das mareas. Mais non todos os muíños son de río ou de maré, o vento tamén foi un elemento poderoso para mover as sólidas moas de granito convertendo o gran na importante fariña. Mais se falamos de vento está claro que a Costa da Morte, e Laxe en concreto, terían que ser sen dúbida protagonistas. Pois Laxe, unha das vilas máis maltratadas polo máis que famoso nordeste, soubo tirar historicamente proveito do potencial do vento.
E é que a vila de Laxe, na bergantiñán Costa da Morte, foi no seu tempo un dos lugares de Galicia privilexiados en canto a muíños de vento. Contan os maiores do lugar que no alto do monte de Santa Rosa, no lugar de Espiñaredo, podería haber ata tres muíños que tiraban proveito do importante vendaval do lugar. Hoxe en día so un deles mantense a duras penas en pé. É o muíño chamando de Manolo Rei, un curioso recinto circular que se atopa no alto do monte, moi preto do capela de Santa Rosa de Lima e sobre un dos lugares naturais máis espectaculares da Costa da Morte.

Estado actual do muíño / foto HdG
Un singular promotor para un singular muíño
O muíño de Laxe segundo se recorda na vila foi construído por Manuel Ramos Mesías en 1924 e estaría en funcionamento tan so ata o ano de 1936. Era Manuel un carpinteiro de ribeira que tiña unha especial maña para o traballo da madeira. Dado que na vila de Laxe, situada nunha península, case non tiña cursos de auga importantes e os muíños atopábanse na veciña vila de Serantes, Manuel ideou sen planos e sen a axuda de enxeñeiros un singular muíño de vento que non respondía as tipoloxías tradicionais doutras xeografías. Era un pequeno muíño de base circular e vanos en cada un dos catro puntos cardinais cun mecanismo de madeira que transmitía a acción do vento á pedra de moer.
O muíño catalogado como ben patrimonial no PXOM de Laxe contaba cun sistema de moído peculiar. Aspas triangulares de pano sobre unha cuberta orixinal de cinc xiratoria, con rodas e cataventos no extremo superior, que permitían recoller a dirección do vento e transmitir ó movemento a un mesado de madeira que facía xirara á moa. Dende aí, como en calquera outro muíño, artesa e pedras facían o restante traballo. O muíño tiña ademais un anexo para pousar e amoreirar os sacos de fariña e de gran.

Ría de Laxe dende o interior do muíño / foto HdG
Un proxecto para recuperalo
Mais despois de anos de ruína e esquecemento no alto da vila, semella que agora finalmente será recuperado. Pois será a Deputación da Coruña a que tome a iniciativa de rehabilitar esta importante obra de enxeñería popular da vila de Laxe coa recuperación tanto do edificio como da reprodución do antigo mecanismo. Confirmouno onte o presidente da Deputación, Velentín González, durante unha reunión co alcalde da vila José Manuel Mouzo. O obxectivo é que a vila recupere un dos seus máis singulares símbolos patrimoniais. A institución supramunicipal investirá 120.000 euros.
Así, o muíño sumarase a listaxe dos atractivos da vila: un dos portos mariñeiros paradigmáticos de Galicia, cunha das praias de máis sona da Costa da Morte e un casco histórico con monumentos como a gótica Casa do Arco, a igrexa gótico-mariñeira de Santa María da Atalaia ou o Museo do Mar, un singular museo sobre a vila mariñeira situado nunha vivenda do XIX. A obra sumarase tamén ós atractivos monumentais da Deputación da Coruña na zona, onde podemos visitar os batáns do Mosquetín, o Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo ou o Centro de Interpretación do Megalitismo de Galicia no Dolmen de Dombate, nos veciños concellos de Vimianzo e Cabana.

Estado actual do muíño / foto HdG