fbpx
Edificio do Liceo de Betanzos

Así é o edificio que habería de albergar o Arquivo do Reino de Galicia en Betanzos

Tempo de lectura: 9 min.

Artigo de María B. Veres
mariabveres@gmail.com

O edificio do Arquivo de Galicia de Betanzos, coñecido na actualidade como edificio do Liceo, foi construído para os fins de arquivo de Galicia en 1764 sobre un proxecto do enxeñeiro militar Feliciano Míguez y Pereira. Recibe o nome de Edificio Arquivo ao ser sufragado polas sete provincias do Reino de Galicia (entre as que contou Betanzos até 1834) co obxecto de ser Arquivo da Real Audiencia sendo con todo un dos edificios civís máis importantes da cidade e mesmo do estado, pois foi o primeiro edificio destas características en España, aínda que non chegou a albergar nunca as actividades proxectadas. Hoxe é coñecido co nome de Liceo popularmente porque chegou a albergar ao Liceo recreativo de artesáns desde mediados do século XIX.

Ademais do Liceo chegou a acoller numerosas e variadas actividades, sendo hoxe un edificio administrativo do concello e tendo, ademais de despachos e oficinas, salón multiusos, salas de exposicións, oficina de turismo etc… Moi de estilo daquel tempo e con claras influencias neoclásicas e dos gostos militares da época, a grande variante arquitectónica neste edificio foi, non sabemos si por encargo ou propia iniciativa, as sete naves abovedadas que representaban ás sete capitais galegas. Ademais da orixinalidade e simbolismo, estas supuxeron posiblemente o posterior derrubamento, case douscentos anos despois, de grande parte do emblemático edificio.

Segundo o artigo de Xosé Raimundo Núñez Lendoiro titulado “El teatro de la Ciudad”, o edificio chegou a albergar numerosos usos desde a súa construción e nunca o de arquivo. Entre eles os de “cuartel, escuela, alhóndiga pública, cuadra de posta, sede de sociedades (Tertulia, Circo, Tertulia-Circo, Liceo Recreativo de Artesanos), sala de fiestas,tabernas y cafeterías” e mesmo na súa fachada, até pasar a ser sede municipal figurou un letreiro que poñía “TEATRO DE LA CIUDAD”.

O arquivo das sete provincias

A orixe do Arquivo do Reino de Galicia data da Real Cédula emitida polo Rei Carlos I con data de 3 de febreiro de 1529 e unha Real provisión da Raíña Juana I con data do 1 de marzo de 1543, cando se ordenou a salvagarda e custodia dos procedementos da Real audiencia de Galicia, un organismo creado polos reis Católicos mediante varias disposicións a partires de 1480. O seu inicio formal data da Real cédula de Carlos III de 22 de Outubro de 1775, cando se crea o Arquivo, asignándolle tamén persoal e normas de funcionamento, e para isto ordenouse a construción do edificio para Arquivo en Betanzos a fin de retíralo dos baixos da Real Audiencia.

O edificio constaba de sete bóvedas con sete chaves, tantas como provincias tiña o Reino de Galicia, unha por provincia, entre as que estaba a de Betanzos. Porén, nunca chegou a realizar o seu cometido fundacional por un decreto que obrigou o traslado do arquivo á cidade da Coruña. O edificio esta situado na Praza dos Irmáns García Naveira, antiga Praza do Campo. 

Liceo de Betanzos nunha foto de arquivo

Ten dous andares e unha lonxitude na fachada principal duns 50 m. e un ancho nos laterais de 25 m. En disposición rectangular en dúas alturas. Coa fachada principal de cantería, a disposición xeral do edificio articulase en basamento, corpo principal e cornixa. Ten o acceso polo primeiro andar a través dunha monumental escaleira de dobre tiro de pedra exterior. A fachada principal conta cunha bufarda oval e o escudo de Galicia, tamén en pedra, e os desaugues do teito en forma de gárgolas.

Tiña un paseo arredor do que só se conservan a parte traseira e unha lateral coñecida hoxe como Alameda, conservándose os perpiaños que sostiñan as portas así como pétreos pebeteiros nas esquinas e algún máis entre estes. O 6 de xaneiro de 1948 derrubouse un á do edificio e parte do muro orixinal, que foron reconstruído pero xa sen as  bóvedas interiores. Actualmente, agás as escaleiras interiores que se unen coas exteriores mediante un descanso, é o único que queda da parte interior do edificio orixinal, que conserva porén no exterior moita da grandeza orixinal.

De xoia do neoclásico a recreo de Rafael González Villar

O proxectista, o enxeñeiro militar Feliciano Miguez y Pereira, fixo os planos do edificio en 1765, de estilo neoclásico. Miguez proxectou tamén o edificio de Capitanía General da Coruña. O edificio do Arquivo custou 800.000 reais da época, recadados gravando o consumo de sal e viño con impostos durante 10 anos. Miguez deseñou as sete naves abovedadas recubrindo a parte superior das bóvedas de pedra, seguramente para evitar o uso de madeira e aminorar os riscos de incendios, sometendo a estrutura a un enorme peso e segundo contan provocando en 1948 o derrubo do muro da ala esquerda.

Real Audiencia da Coruña nunha imaxe histórica

En 1921, sendo o Liceo o ocupante do edificio, o reputado arquitecto Rafael Gonzalez Villar, que acometeu diversas obras en Betanzos para os irmáns García Naveira, acomete reformas conxuntamente coas do cine Alfonsetti. Reforma a porta e o vestíbulo, con unha tendencia ecléctica, con certo barroquismo pero sen romper coa unidade estética do edificio. Crea un vestíbulo que exerce  de centro simétrico e referencial do edificio desde o cal se distribúen as distintas dependencias. Busca un efecto suntuoso con unas amplas escaleiras de mármore branco e motivos decorativos en estucados moi propios da súa primeira etapa. Gusta de pequenos detalles decorativos facendo do hall e a escaleira o centro e a centralidade do edificio e coa porta, en deseño de ferro fundido con motivos arquitectónicos, que pretenden tamén buscar ese reclamo da centralidade desde o exterior.

Unha proba visual da antiga Provincia de Betanzos

O uso orixinal que nunca chegou a ter o edificio do Arquivo, deu lugar a múltiples funcións adaptadas á disposición arquitectónica do mesmo, sen apenas modificacións estruturais até producirse o derrubo das bóvedas e o muro esquerdo. O paso do tempo e o cambio de propiedade e usos motivou a súa rehabilitación a finais do século XX. A volta ao seu estado anterior viuse practicamente imposíbel tanto pola inviabilidade económica como polos servizos que debía prestar a partires daquela. Non se podía facer revivir o pasado tal como foi.

A duración da realidade cultural está cifrada non na duración da materia, senón nos significados socias atribuíbles a esas materialidades e que permanecen na memoria, pero eses significados non son un conxunto estático de datos susceptíbeis de recuperarse, senón un proceso do recordo que os fai presentes, o que deixa os conceptos nun camiño intermedio, nunha concepción dinámica do significado, que se entende radicalmente marcado pola temporalidade, o cal non significa de ningún modo que sexa algo arbitrario, pois xoga dentro dun campo limitado de posibilidades.

A restauración dos significados, a duración do cultural, non é pois unha continuidade idéntica co pasado, a recuperación de algo xa dado, pero tampouco pode ser unha invención, senón que se atopa nese medio camiño no que os autores xustificaron a súa intervención. Así, o edificio orixinal mantén a estrutura exterior practicamente idéntica ás orixes nunha impresionante imaxe histórica, proba visual da grandeza do pasado da vila, capital dunha das sete provincias do reino de Galiza, si ben no interior nada lembra xa aquel pasado.

O único arquivo de España que nunca foi arquivo

Foi o arquitecto Rafael González-Cebrián Tello o encargado, baixo estes preceptos de recuperar o edificio por encargo do Concello e que manifestou ao respecto do deseño orixinal o seguinte: “A única culpa  do sucedido co derrubo, foi do arquitecto. O edificio estaba dividido en sete naves abovedadas e a parte superior de cada bóveda cuberta de pedras, o peso era inmenso e o muro que contrarrestaba na ala esquerda o empuxe das bóvedas xa estaba debilitado e sen ningún informe que advertira dese feito anterior ás miñas observacións”.

Lavadeiro público de Cascas, en Betanzos, un dos máis grandes do mundo, inaugurado en 1902 polos irmáns García Naveira

“A falta de cartos impedeu solucionar o problema a tempo. Cecais foi mellor así porque a reconstrución debeu ser total e acaída aos novos usos. Puido caer polo efecto de desgaste da choiva ou por un simple portazo, non podía resistir así moito tempo, polo menos a nave lateral, xa condenada. Para min, repito, a causa foi o señor Miguez y Pereira. Así e todo, a fachada, un lateral e os accesos principais non sufriron desperfectos e poderanse manter íntegros nas obras de restauración”. Mantén o simbolismo máis mudou de usos e estrutura arquitectónica orixinal no interior onde alberga un espazo moderno e funcional, con un teito con lucernarios e espazos multiusos con ascensores para a accesibilidade e perda evidente do encanto de outrora, sacrificado para adaptalo a novas funcións.

Segundo resume o historiador Martínez Santiso “Acaso este edificio sea el único construído en España expresamente para  archivo; pero por una de tantas aberraciones y anomalías, que en nuestra patria suceden, sirvió para todo menos para el objeto para el que fue destinado, sirvió de cárcel, cuartel, almacén, caballerizas, oficina, escuela de primeras letras, lugar de recreo, habitaciones particulares, hospital provisional, granero, alhóndiga, local de espectáculos, y hasta hubo instaladas tabernas; mas nunca llegó ni aún a intentarse la traslación del archivo a tal edificio”.

A diversidade funcional fixo que o edificio do arquivo, ao longo de máis de 200 anos de vida, teña pasado por diversas fases e formas culturais de ser entendido e utilizado. Esta explendida construción, sigue con uso e vida activa e da súa función orixinaria conserva aínda o nome como testemuña dunha parte importante da historia de Betanzos, de Galiza e da súa relevancia no estado, e testemuña tamén da evolución dos últimos douscentos anos.

Conclusións

O edificio do Arquivo do Reino de Galicia de Betanzos, concibido para un uso concreto e deseñado a tal fin polo enxeñeiro militar Feliciano Miguez y Pereira foi o primeiro edificio público das súas características no estado. O deseño coas sete naves con bóvedas de pedra mantiñan tamén unha forte carga simbólica e representativa das sete capitais galegas. O deseño sobrio e robusto de estilo neoclásico, moi do gusto militar da época non limitaba a súa grandiosidade.

Circunstancias políticas levaron a que un inmoble concibido para un uso tan específico chegase a acoller entre as séas paredes moitas outras funcionalidades, moi dispares unhas das outras até o seu derrubamento parcial en 1948. Previo á remodelación provocada polo derrube, só tivo unha intervención estrutural a cargo do admirado arquitecto modernista Rafael González Villar en 1921 autor de numerosas construcións na mesma vila hoxe verdadeiros monumentos dignos de estudio. A intervención de González Villar supuxo a construción da escaleira interior e o descanso entre esta e a exterior en mármore branco que imprimiu ao edificio unha notable elegancia visual  e a porta principal de ferro fundido así como o axardinamento exterior hoxe desaparecido.

Vista de 1899 / foto FJ Martinez Santiso Arquivo Municipal de Betanzos

Tanto o aspecto exterior orixinal do edificio como a intervención de González Villar en 1921 siguen a ser o máis reseñable da construción unha vez desaparecido o teito abovedado e as sete naves interiores. A adaptación posterior aos actuais usos, auditorio ou sala multiusos, salas de exposicións, oficina de turismo, despachos e salas administrativas, non aportaron nada novedoso desde o punto de vista arquitectónico nin salientable desde o punto de vista do deseño. O actual edificio segue destacando polo seu grandioso aspecto exterior, a fachada en pedra coa grande escalinata, as gárgolas de desaugue e a escaleira interior de González Villar.

Nin o auditorio, nin as reformas interiores teñen máis relevancia que as de calquera outra oficina ou sala multiusos polivalente nin o arquitecto aproveitou a posibilidade de dotar ao edificio con unha aportación destacada con un lucernario que foi creado posiblemente con unha evidente escaseza de recursos na reforma. O edificio representou desde o seu inicio unha oportunidade perdida e o derrubamento, que concedeu, ao ter que proceder a un deseño partindo de cero segundo o propio arquitecto Cebrián González-Tello, outra grande oportunidade perdida desde o punto de vista arquitectónico aínda que, por sorte, o actual uso, contribúe á súa vixencia e conservación.

O caso do edificio do Liceo é un exemplo claro dos condicionantes políticos na construción civil, no deseño urbano e nos destinos destas edificacións. Betanzos, unha vila con unha importante historia arqueolóxico, medieval, e moderna, conta con unha interesante convivencia de estilos arquitectónicos, civís e deliciosos románicos, góticos, neoclásico ou modernistas. Unha riqueza moi importante da que o edificio do Arquivo do Reino de Galicia é unha das pezas máis importantes. Como salientou o historiador é arquiveiro municipal, Alfredo Erias Rodríguez “a riqueza do pasado foi moi agredida no último século perdéndose construcións de grande relevancia consequencia dunha especulación propia dun novo pailanismo político”.

 

Maria B. Veres
Bibliografía:
-Anuario de Betanzos Nº 82- Arquivo do reino de Galicia en Betanzos.
-Anuario de Betanzos. El teatro de la Ciudad, deXosé Raimundo Núñez Lendoiro.
-Feliciano Miguez y Pereira y los Ingenieros militares de Betanzos.
-Archivo histórico del Reino de Galicia, guía del investigador, por Antonio gil Merino.
-Arquivo do reino de Galicia, Catálogo.
-El Archivo de Galicia de Fco. J. Martinez  Santiso.
Orientacións, Alfredo Erias Martinez.

Ponte Vella de Betanzos / foto HdG

Pode que che interese...