Atopados novos petroglifos entre eucaliptos e cinzas en Quireza, Cerdedo
Unha semana despois do achado do mehir ou pedrafita en Silleda, o domingo 17 de xuño, o colectivo Capitán Gosende descubriu un novo gravado rupestre no territorio de Cerdedo, en concreto na parroquia de Quireza. Este petróglifo fai o número 51 na conta da asociación e debe engadirse aos 39 xa inventariados en Cerdedo e consignados no libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (Morgante, 2017). A piques de esgotarse a primeira edición desta monografía e considerándonos vítimas honrosas da ingratitude, do desleixo e da tendenciosidade dos mandatarios locais, reafirmámonos na crenza de que a fusionada autoridade só se mostra hábil á hora de servirlles o rancho aos seus electores.
A xornada dominical levounos até as lombas da Laxa Grande (555 m de altitude), predios monteses sitos a poñente das aldeas quirezás do Outeiro e dos Castros e demarcados polo regueiro de Penices e mais por un afluente do regueiro de Portaquintas (Mapa Topográfico). Despois de investir unhas cantas horas no escrutado infrutuoso daqueles pedregais, decidimos, contra a noitiña, emprender o regreso. Na baixada, á altura do Outeiro Framil (topónimo por confirmar), interneime nunha chousa plantada de eucalipto. O plantío padecera había pouco os efectos do lume. A pedreira aínda conservaba o característico tisnado. A arte rupestre plasmada naquelas rochas non sucumbira aos avatares do destino e, nun prurito de transcendencia, reclamou a nosa atención dende a beira do camiño.
Ocupando unha posición central na zarra, os petróglifos do Outeiro Framil sitúanse, en liña recta, a uns 60 m cara ao nordés dun regato, afluente do regueiro de Penices; a uns 700 m, cara ao sudoeste, do núcleo do Outeiro, e a uns 800 m ao noroeste do lugar de Fondós.

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo do Outeiro Framil (Quireza), detalle / foto Carlos Solla
A estación petroglífica componse de catro paneis. Nas coordenadas 42.566474; -8.447102 (ou 42º 33’ 59.3’’ N/8º 26’ 49.6’’ W) e a unha altitude de 440 m aprox., localízanse tres dos catro paneis inscultóricos. O primeiro dos conxuntos descubertos o pasado domingo tallouse na parte superior dun cachote granítico (gran groso) moi desgastado polos axentes erosivos. O cachote, pousado no chan de lousa, ten uns 90 cm de alto. A cara superior presenta unha superficie aproximada de 120 cm2. Os motivos representados son os seguintes: agrupamento e combinación dunhas 40 coviñas e 4 círculos. Dúas coviñas contidas en cadanseu círculo. Elementos rectilíneos. A cara oeste da pedra presenta o gretado característico da diáclase (aspecto escamento).
Na cara sur labrouse unha cruz de termo (cruz arcada con calvario) de 18 cm de alto e 12 cm de envergadura. A presenza do signo cruciforme ratifica que o pedrolo e a súa marca non só foron relevantes para a comunidade prehistórica que os erixiu (lugar sagrado, fito de deslinde…), senón tamén para os pobos que, con posterioridade, habitaron o territorio. Con certeza, os petróglifos do Outeiro Framil amolloaron ou seguen amolloando as respectivas propiedades comunais das aldeas do Outeiro (N) e Fondós (S); abofé, nos nosos días, séguense considerando punto de referencia.

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo do Outeiro Framil (Quireza) / foto Carlos Solla
Cara ao leste, ao pé do primeiro cachote, case a carón do chan, atópase o segundo (pedra de gran groso). A superficie útil do panel é duns 160 cm2 (superficie visíbel). Nel graváronse unhas 20 coviñas e 3 elementos circulares. Perto do segundo cachote, sempre cara ao leste, atopouse o terceiro (pedra de gran groso), tamén a carón do chan. Superficie visíbel: uns 50 cm2. Nel riscáronse 5 coviñas. O grao de desgaste dos soportes fai que, na actualidade, só poidamos describir os vestixios da arte orixinal.
Finalmente, a escasos metros cara ao oeste, na cimeira do outarelo, nunha laxa luída e reboronda que orienta a súa pendente cara ao leste (uns 50 m2 de superficie), a compañeira Maite Arén atopou o cuarto panel (coordenadas: 4.2566535; -8.447362; alt. 440 m aprox.). O conxunto componse dunhas 15 coviñas e 4 círculos (3 coviñas contidas en cadanseu círculo). 2 elementos curvilíneos. A luz do solpor corroborou que, xacando, aqueles lenzos pétreos luciron ateigados de gravados.
A natureza branda deste granito, os recorrentes incendios forestais e a pertinaz raizame dos eucaliptos aceleran a desaparición desta nosa herdanza de hai 4.500 anos. Cando menos, cómpre pinchar os eucaliptos dos arredores do xacemento e libralo da frouma e do chamizo. Hai uns meses, a escasa distancia do sitio arqueolóxico, unha padexadora abriu unha fonda e ancha devasa para evitar que unha queima incontrolada acabase afectando o eucaliptar. Que ben viría un cortalume de frondosas. A xestión do noso monte é paradigma do noso desgoberno.
Capitán Gosende informou da descuberta do cuadraxésimo petróglifo en Cerdedo.

Pedrafita da Bighoia (Outeiro-Codeseda), atopada tamén por Capitan Gosende / foto Carlos Solla
Calros Solla