fbpx
Libros históricos / MiraDeShazerCC0

Cando un dos institutos máis antigos de Galicia convértese nunha institución cultural

Tempo de lectura: 2 min.

Como xa contábamos noutro artigo, a mediados do século XIX triunfaron por fin en España as ideas liberais e progresistas herdeiras da Ilustración. Naceu daquela a intención de crear un sistema de escolarización e de estudos públicos auspiciado e financiado polo Estado que, a diferencia de ata ese momento, non estivera impartida polas antigas ordes relixiosas, pois foran estas as encargadas historicamente da formación. Daquela creuse por primeira vez que a educación non era un privilexio social de determinadas clases ou estamentos ou un acto de caridade cristiá senón un dereito de todas as persoas dun país.

Foi baixo o plan promovido polo Ministro de Gobernación, Pedro José Pidal, polo que se materializou este importante cambio. O coñecido como Plan Pidal, concretado no Real Decreto de 17 de setembro de 1845, mudou de xeito radical todos os niveis educativos incluída a ensinanza secundaria e a universitaria, dous grandes privilexios naquel momento. As universidades, que ata aquela funcionaban como grandes señoríos dependentes de rendas, pasaron a depender do Estado e, ó mesmo tempo, o baleiro deixado pola expulsión dos Xesuítas foi substituído polos institutos públicos históricos.

En cada capital de provincia e máis en Santiago de Compostela existiu, por tanto, dende mediados do século XIX un instituto histórico. O de Lugo, foi o Lucus Augusti, un instituto que a día de hoxe segue a ser unha institución na cidade. Mostra de isto é o seu sensacional arquivo histórico, museo e biblioteca. Pois nos pasados días o centro de ensino secundario renovou por completo estas instalación dedicadas a acoller o importante legado do centro educativo. A intervención foi financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na inauguración estiveron presentes, entre outros, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o director do Instituto, Juan Carlos Fernández.

Instituto Lucus Augusti / facebook.com

As reformas que afectaron ó conxunto do arquivo, museo e biblioteca histórica tiveron un investimento conxunto de 209.000 euros que implicou a readaptación dunha parte do edificio. O arquivo conta con fondos da chamada biblioteca histórica, con exemplares desde o século XVII, como o fondo documental do propio centro desde mediados do século XIX. Tamén se custodian pezas procedentes de diversas coleccións e doazóns relacionadas con materias como a física, química, bioloxía ou anatomía humana. Xunto coa reforma das instalacións do arquivo, procedeuse tamén a aplicar a lei de memoria histórica coa retirada do símbolos do Franquismo que aínda perduraban nas vidrieiras do centro. A nova a deu o pasado luns o Lugo Xornal.

Pode que che interese...