fbpx
gaiteiro / foto acastro19850CC0

Cuntis celebra este sábado unha feira documentada xa 1845 por Domingo Fontán

Tempo de lectura: 3 min.

Non se trata de volver ó século XVIII como polo seu nome puidera semellar, aínda que se nos achegamos pola festa sen dúbida viaxaremos no tempo a este, trátase de recuperar unha feira con varios centos de anos de antigüidade e famosa en tempos en todas as Terras do Umia, que por séculos se celebrou o 18 de xuño e, despois, todos os días 18 de cada mes. O certo é que dun xeito ou doutro era un dos mercados máis importantes de toda a comarca ata tal punto que aparece xa documentada na Carta Xeográfica de Galicia de Domingo Fontán de 1845.

Nela queda clara a súa importancia, destacando polo seu comercio de gando, agrícola e de produtos manufacturados de todo tipo. Mais, é case seguro que esta feira sería moito máis antiga, seguramente ligada a unha concesión anual vinculada seguramente con algún santo. En todo caso axuntaba ó seu redor xentes das comarcas de Caldas Santiago, Sar, Tabeirós ou Pontevedra. Mais por motivos que hoxe se descoñecen a comezos do século XX deixou de celebrarse e estivo practicamente esquecida ata que no ano 2009 a recuperou o Concello.

Feira Histórica do Dezaoito, detalle do cartaz deste ano

Coa recuperación a feira foi moito máis alá, convertida nunha das festas populares máis interesantes do occidente galego, con música tradicional e folk, gastronomía, venta de produtos ecolóxicos e artesáns, así como xogos populares tradicionais. Mais esta feira ten ademais un protagonista principal, o xabarín, que é practicamente dende a súa recuperación o punto forte das degustacións gastronómicas, podéndose degustar tanto no recinto feiral como, baixo reserva, en varias casas de comidas de Cuntis, Moraña e A Estrada.

Mais non é o único atractivo, este ano xa dende as once da mañá haberá música e venta de produtos ecolóxicos, tradicionais e de artesanía. Mel, marmeladas, doces, queixos, produtos da horta, coiro ou prata poderán mercarse nos postos distribuídos por todo o recinto. A música correrá a cargo da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, así como do grupo de gaitas Hai que Roelo. Xa pola tarde haberá un espectáculo infantil guiado por Brais das Hortas e as actuacións de A Banda da Balbina e Blues do País. Tamén haberá inchables, obradoiros e xogos populares.

Unha das protagonistas serán as degustacións gastronómicas de xabarín / foto TheAngryTeddyCC0

Mais a Feira do Dezaoito ten ademais unha pequena curiosidade. Se ben en tempos era a famosa feira da comarca deste día do mes, hoxe, e dende a súa recuperación, a feira deixou de facerse o propio día 18 para celebrarse o sábado máis próximo a esta data. É por isto que este ano a Feira do Dezaoito farase mañá, sábado día 16.

Outro dos atractivos será a venta de productos artesanais e ecolóxicos / foto jill111CC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...