fbpx
Mariña. 1951 de Urbano Lugrís e O Sol, 1967 de Luís Seoane

Lugrís e Seoane. Dúas formas de facer Cubismo galego

Tempo de lectura: 8 min.O carácter do Cubismo está definido pola descomposición angular e o senso analítico das estruturas internas dos obxectos e persoas, permitindo captar todas as súas perspectivas e proxectándose nun mesmo plano. O obxecto ou figura québrase para formar partes constituíntes que son de novo dispostas creando unha configuración inesperada. O uso de superficies interconectadas e volumes en base a liñas oblicuas e ángulos proxecta un deseño de natureza fragmentada que é definida pola decoración xeométrica. O contraste entre esquinas cóncavas e convexas, proxeccións e o abandono do que poderían parecer as mais elementais regras da funcionalidade serven para producir formas dramáticas que permiten alcanzar un efecto tridimensional, mais romper as regras de construción convencionais.

1º. Kaiikazawa na provincia de Kai (Koshu Kaiikazawa /甲州石班澤), das “36 vistas do Monte Fuji” (Fugaku sanjurokkei/冨嶽三十六景). 1830-1833. Hokusai. Técnica: Gravado de madeira, impresión en cor sobre papel. Medidas: 26,1 x 38,3 cm. Museo Británico.

Estas características están presentes en dous artistas, Urbano Lugrís (A Coruña, 28 de Xaneiro de 1908 – Vigo, 23 de Decembro de 1973) e Luís Seoane (Bos Aires, 1 de Xuño do 1910 – A Coruña, 5 de Abril de 1979). Ambos, en canda seu estilo, presentan unha influencia cubista derivada principalmente de Pablo Picasso, enriquecida e matizada por outros estilos e artistas. Ambos absorberon, aprenderon, reinterpretaron e crearon ata o punto de, por veces, entrelazarse nunha mesma época sen chegar nunca a confundirse. Ambos configuraron unha linguaxe artística cunha personalidade propia. Neles o Cubismo galego da o salto cara as grandes vangardas americanas i europeas.  

2º. Tempo de primavera. 1894-1899. Maurice Denis. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 80,6 x 97,8 cm. Metropolitan Museum of Art, Nova York.

De ambos posiblemente sexa en Lugrís onde vese de maneira mais clara a transformación exercida polo Cubismo. Dos óleos sobre táboa dos anos 40, fondamente románticos, o artista evoluciona a súa linguaxe artística a partir de 1950. Das composicións equilibradas, as cores atmosféricas, o hiperdetallismo, as perspectivas construídas en base a sucesión de planos e os espazos ocupados na súa totalidade pola abundancia de obxectos e figuras, as súas pinturas volvéronse limpas e definidas. Na composición prevalece a construción interna do cadro en base a un senso rítmico, tornando cara unha maior atención a harmonía das figuras e a paleta cromática. A cor emprégase con solidez e as liñas tenden a estilización.

Pero a filtración do Cubismo aparece sobre todo na concepción da perspectiva, as figuras e os volumes. A tridimensionalidade remata por desaparecer para dar paso a unha maior abstracción. Lugrís dispón nun mesmo plano elementos figurativos a distintas alturas para producir profundidade de campo. E, sobre todo, existe unha conceptualización dos espazos e das figuras, levando as formas naturais a un proceso de xeometrización. Son moi definidas, recortadas e, aínda broncíneas, cun efecto etéreo. O resultado son obras cun remate acabado e pulido.

3º. Mariña. 1951. Urbano Lugrís. Colección privada.

De tódalas influencias artísticas presentes en Lugrís, no novo camiño dos anos 50 predominan os artistas xaponeses pola súa economía de medios -o caso das obras de Utagawa Hiroshigue da Escola Utagawa ou de Katsushika Hokusai, ambos ligados ao xénero da pintura en gravado Ukiyo-e durante o período Edo- e a pintura dos Nabis. Do Post-Simbolismo en Francia xurdiron os Nabis, activos entre 1888 e 1900. O Simbolismo tomou a influencia do Sintetismo, no cal producíase unha simplificación dos obxectos co fin de intensificar a sensación producida polo aspecto visual.

Os Nabis dividíronse en dous grupos, ao que un deles pertencía Maurice Denis. El é quen pronuncia a seguinte frase: “Lembrade que un cadro, antes se der un cabalo de guerra, un nu feminino ou algunha anécdota, é esencialmente unha superficie plana cuberta de cores dispostos con certo orde”. Esta é a base na que Lugrís traballa a súa pintura desta era. Mais o proceso formal derívase do Cubismo Analítico, iniciado por George Braque e Picasso en 1909. Unha nova forma de observar a realidade que de-constrúe as figuras ata alcanzar a súa esencia, sendo recollida pola mente do artista quen a conforma de novo proxectando, finalmente, a súa totalidade como ser físico e de espírito a través dunha construción xeométrica. Algo presente nas obras de Lugrís dende ese ano de 1950 ata 1973.

4º. Os músicos (detalle). 1953. Luís Seoane, coa colaboración de Carlos Torrallardona. Arquitectos: José Alsán i Héctor Ezcurra. Técnica: Pintura ao temple. Galería Santa Fe, Avenida Santa Fe 1654, Bos Aires. Cedida amablemente por Xosé Díaz.

Na obra de Luís Seoane, desbordante de vida e enerxía, a transformación do cubismo móvese alcanzando un dinamismo e poder brillantes. O artista coñecera persoalmente a Picasso en 1949 en París, emerxendo un interese na súa obra que alongaríase ata 1979. Non é de estrañar que na súa biblioteca, hoxe na Real Academia Galega na Coruña, abundaran libros dedicados a este artista. Dende catálogos de exposicións –Picasso: a loan exhibition of his paintings, drawings, sculpture, ceramics, prints and illustrated books. 1958. Philadelphia: Philadelphia Museum of Art- ata libros centrados en temáticas relacionadas coa súa produción artística –Picasso et le théâtre. 1967. Paris: Cercle d’Art. Tamén La Gravure, art majeur: des maitres inconnus à Picasso: guide practique de l’amateur d’estampes. 1969. Paris: Cercle d’Art, cop. WECHSLER, Herman J- ou estudos analíticos do seu estilo –Picasso, metamorphoses et unité. 1971. Genève: Skira- están presentes nunha colección de libros coetáneos de gran riqueza intelectual.

5º. Retrato de muller, tras Lucas Cranach O Novo. 1958. Pablo Picasso. Técnica: Gravado en cores sobre linóleo. Medidas: 641 x 530 cm. Prancha 96 do libro La Gravure, art majeur: des maitres inconnus à Picasso: guide practique de l’amateur d’estampes. 1969. Paris: Cercle d’Art, cop. WECHSLER, Herman J. Real Academia Galega.

As súas pinturas, murais, múltiples, vidreiras, cerámicas, gravados, deseños gráficos, ilustracións, debullos, edicións, libros, artigos i escritos, ensaios, conferencias, entrevistas, exposicións e proxectos como o Laboratorio de Formas ou Sargadelos conteñen diversas influencias e feitos. Pode citarse a Gallaecia na Antigüidade, a arte medieval, San Andrés de Teixido, a Natureza, a expresividade minimalista dos gravados de Hokusai, as teoría estéticas de John Ruskin e William Morris, Matisse, os Vkhutemas, a exuberancia creativa da Escola da Bauhaus, László Moholy-Nagy, a experimentación innovadora levada a cabo pola sagrada tríade rusa -Wassily Kandinky, Kazimir Malevich i El Lissitzky-, a escultura de Xosé Eiroa, a obra e figura de George Grosz, a emigración e a Morte pola a guerra, a destrución, a represión, o medo, a inxustiza e o exilio. Tamén suma no seu interese a literatura de Ramón del Valle-Inclán (xunto con Hokusai, outro punto en común con Lugrís), Castelao i artistas centroeuropeos coma Käthe Kollwitz, Ernest Barlach, Alfred Kubin, Willi Baumeister, Paul Klee e os referentes de Expresionismo alemán: Otto Dix, Emil Nolde, Ernest Ludwig Kirchner e Max Pechstein.

6º. Fantasía mariña. 1960. Urbano Lugrís. Técnica: Óleo sobre táboa. Medidas: 120 x 160 cm. Colección Xunta de Galiza, Santiago de Compostela.

A partir de 1950 aparecen en Seoane contornos e siluetas mais seguras e controladas. As súas persoas retratadas e as perspectivas resultan perceptibles dentro da súa abstracción, efecto do Cubismo Sintético cultivado por Picasso dende 1912. Existe unha descomposición dos obxectos ou persoas que visualiza a súa entidade, pero a nivel figurativo o proceso xeométrico pasa a ser obxectivo. Mais xunto a Picasso, a outra gran influencia cubista é Fernand Léger. O que prima a través deste artista é a bidimensionalidade e o emprego da cor en tons lisos, homoxéneos e definidos, sendo disposta de maneira concreta e consoante. O froito desta síntese é o vigor e a plenitude vidos da interrelación que prodúcese entre texturas, cromatismos, dimensións e formas.

7º. Perfil de Vava cun corsé vermello. 1961-1962. Marc Chagall. Técnica: Monotipo en cores. Medidas: 279 x 241 cm. Prancha 99 do libro La Gravure, art majeur: des maitres inconnus à Picasso: guide practique de l’amateur d’estampes. 1969. Paris: Cercle d’Art, cop. WECHSLER, Herman J. Real Academia Galega.

As obras traballadas por Seoane presentan unha imaxe de superficies interpretables dende múltiples puntos de vista, frecuentemente en movemento. As diversas facetas son dun colorido ledo, mostrando entre planos e ángulos unha realidade tridimensional vibrante. Pero a diferenza de Picasso, Seoane transmite homes e mulleres-símbolos -como Emigrante (1967, Museo de Belas Arte da Coruña) ou Cristo obreiro crucificado (1975, Novacaixagalicia (Vigo)- nun estilo mais rigoroso, nítido, transparente i exacto. É monumental sen resultar severo, despexado sen estar baleiro e natural sen caer na afectación. Intelectual sen ser frío e cálido sen acumular redundancias. En todo caso contén, ao sumar as súas raíces, un humanismo transcendental, épico e vitalista.

8º. Limóns. Ilustración para “Lettera amorosa” de René Char. 1963. George Braque. Técnica: Litografía en cores. Medidas: 260 x 193 cm. Prancha 90 do libro La Gravure, art majeur: des maitres inconnus à Picasso: guide practique de l’amateur d’estampes. 1969. Paris: Cercle d’Art, cop. WECHSLER, Herman J. Real Academia Galega.

A crecente liberación da cor e as liñas en Seoane é unha manifestación da evolución do seu estilo nestes anos. Unha liberación na que os elementos plasmados son masas de cores que transmiten, ao instante, todas as calidades inherentes ao tema. Unha nova concepción na que fíltrase o halo de Marc Chagall, creador de imaxes case de fantasía polas súas figuras, inspiradas nas vilas, as historias e a cultura popular de Rusia. Unha característica que comparte Seoane. (As súas obras están repletas de impoñentes paisaxes, músicos, mulleres e homes en conversa, traballando, en festas, posando ou danzas galegas). A mestría do artista logra transmitir a emoción que contén a situación representada, coa capacidade de captar a espontaneidade do intre e ser capaz de plasmala e comunicala nun lenzo con sinxeleza, distinción e medios plásticos esenciais. Algo que enlaza a Seoane con outro artista recoñecido do Cubismo, Braque, quen xunto con Picasso conducira o avance do Cubismo Sintético que inflúe en Seoane.

9º. O Sol. 1967. Luís Seoane. Colección privada.

Este campo de enerxía de Lugrís e Seoane é similar ao exercido por Braque, Picasso e Léger. Pero a achega de ambos artistas ao movemento cubista radica en que as súas imaxes son unha gloriosa celebración da condición humana dende un lirismo luminoso. Lugrís, dende a súa visión atlantista e pacífica e Seoane, coa súa apaixonada e carismática produción, suman unha orixinalidade inspirada non so en séculos de influencia artísticas europeas, senón na estética galega. As súas innovacións residen sobre todo na súa forma de percibir e representar a luz, a cor e a atmosfera, a substancia da realidade e o senso de abstracción. Ambos conteñen na súas obras o evanescente, o que é intanxible e a transfiguración incluso cando resultan precisos, expresando unha sensibilidade inimitable.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...