O Concello de Santiago rehabilitará a Ponte Vella da Rocha
Unha das zonas descoñecidas da cidade de Santiago é a zona da Rocha, un dos barrios rurais históricos de Santiago que se localizan nas proximidades da SC-20 na saída cara O Milladoiro. Nesta zona é onde se xuntan varios ríos e regos da cidade como o Rego do Vilar, o Sar, e pouco máis abaixo o Sarela. Esta foi historicamente a zona de saída da cidade cara Noia, Muros e Fisterra, e unha zona rural importante, con numerosos muíños, as ruínas da Fortaleza da Rocha e varias pontes. No século XX coa construción do viaduto da Rocha a zona quedou en boa medida esquecida.
Pois neste lugar conservase a Ponte Vella da Rocha, unha pequena ponte de orixe medieval do século XII remodelada case por completo ó longo de toda a historia especialmente nos séculos XVIII e XIX. A ponte está incluída dentro do Catálogo de Bens Culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago, co código E-58, e aparece documentado xa dende 1596 co nome de ponte Árriua, e dende 1614 xa como ponte da Rocha. A ponte foi reformada no ano 2005 engadíndoselle antepeitos de perpiaño e un firme de terra compactada.
Mais aquela obra resultou insuficiente e o firme fica habitualmente con grandes fochancas. É por isto que o Concello de Santiago de Compostela aprobou a pasada semana definitivamente o proxecto para a rehabilitación da Ponte Vella de A Rocha. Para isto o Concello de Santiago destinará 135.815 euros e un prazo de execución de tres meses, que se prevé facer no seu groso en agosto e setembro, aproveitando o baixo caudal do río. A intervención foi anunciada o pasado venres día 15 por María Rozas. Os traballos afectarán os arcos, á recuperación do tableiro e accesos.