fbpx
Santa Susana / foto Turismo de Santiago

Podería converterse a compostelá Santa Susana nunha sala de exposicións?

Tempo de lectura: 2 min.

No século XII o arcebispo Xelmírez edifica no alto dun dos montes que rodean a cidade histórica de Santiago unha capela dedicada ó Santo Sepulcro. Mais, pouco despois da súa viaxe a Braga e do roubo naquela localidade de varias reliquias, esta capela pasará a conter no seu interior as de Santa Susana e a tomar o nome desta santa. Dende aquela, aínda que con importantes transformacións, o mesmo edificio segue sobre aquel mesmo lugar sendo, como non moitas persoas na cidade saben, a copatroa da urbe.

O lugar, extramuros da cidade amurallada, formou parte dende aquela de ritos procesionais e viacrucis que saían dende diversos puntos ata a capela, subindo polo camiño que conservamos hoxe en día. Ó seu redor habería unha inmensa carballeira que no seu día chegaría ata o mosteiro de San Lourenzo e que en 1546 o Conde de Altamira doa á cidade de Santiago como “pasto común e plantar árboles e arboledas”Dende 1827, como contábamos noutro artigo, ademais de ser o “mallum” e recinto feiral, o lugar convértese no xardín público de Santiago.

Mais esta capela no cumio do outeiro e entre centenarios carballos, alén da súa imaxe idílica e paradigmática, sofre dende fai moito tempo o problema do vandalismo e do abandono, xa que na actualidade so moi raramente se celebran actos relixiosos nela. Tal e como leva tempo recollendo a prensa local, a histórica capela sofre habituais danos, continuas pintadas e roturas de fiestras, o que permite ademais a entrada de aves no interior poñendo en perigo retablos e imaxes. Non en balde é un lugar escondido e recollido no fondo do parque.

Mais o pasado luns o xornal El Correo Gallego deixaba entrever unha máis que importante nova para a cidade e para o mantemento deste templo: a posible desacralización da capela e a mudanza en sala de exposición. Sempre segundo o xornal, o Arcebispado podería chegar a cederlla ó Concello a cambio de un adecuado mantemento que, sen dúbida, podería chegar cun uso máis intenso e unha nova vixilancia. Segundo o xornal, a Igrexa investiu nos últimos anos máis de 9.000 euros en reparacións mais, á vista do estado actual, non conseguen dar froito.

Alameda dende a praza do Obradoiro / foto HdG

 

Pode que che interese...