Queres acender a túa cacharela de San Xoán co lume celta do Pico Sacro?
Foi o pasado sábado 17, ás portas do solsticio de verán, cando tropas celtas das tribos de Boqueixón e Callobre se atoparon na entrada ó cumio do Pico Sacro. Estaban encabezados pola Raíña Alda, a máis fermosa, e polo Druída, e xuntos continuaron ata a capela de San Sebastián na anta do lendario monte, baixo o son lonxano das gaitas. Diante da ermida do Pico, o Druída utilizou o seu bastón, cunha lente no seu extremo, para concentrar a luz do sol do mes de San Xoán na ramaxe e facer brotar o lume sagrado.
O lume acendeu rapidamente grazas a forza do sol deste día de primavera e da brisa omnipresente no lugar, xurdiron daquela “as chamas purificadoras”, tal e como as definiu a Raíña Alda na súa declamación da alegoría do Lume Sagrado. Estas chamas serviron para acender candeas que tanto a raíña coma os e as integrantes das tribos de Boqueixón e Callobre levaron nas súas mans ata o interior da capela. E é que esta recreación ritual coa que os concellos de Boqueixón e Santiago queren celebrar a chegada do solsticio de verán, deu comezo con esta cerimonia do Lume Sagrado.

Cerimonia do Lume Sagrado no Pico Sacro / foto Concello de Boqueixón
Pois medio cento de persoas uníronse este día neste emblemático lugar para celebrar o rito co que ´os antergos celebraban a chegada do Solsticio´. A representación ritual estivo incluída dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro que está a desenvolver o Concello de Boqueixón e que finalizará o próximo 29 de xuño. Nela o concelleiro de Turismo boqueixonés, Alejandro Bermúdez, o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, xunto coa colaboración da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre da Estrada quixeron promocionar a singular historia sagrada do monte e conmemorar o evento astronómico xusto unha semana antes do día de San Xoán.

Cerimonia do Lume Sagrado no Pico Sacro / foto Concello de Boqueixón
Na súa intervención, Bermúdez, agradeceu a participación nesta actividade, ó tempo que emprazou ós presentes a acudir a Compostela para asistiren á Ofrenda do Lume Sagrado. Pois a segunda parte desta representación desenvolverase o próximo venres 22 de xuño a partires das 22.00 horas na Alameda compostelá. Nela as dúas tribos reuniranse de novo na Carballeira de Santa Susana para despois iluminar cos seus fachos as rúas da zona monumental santiaguesa para rematar o percorrido na Praza de Mazarelos. Mentres tanto, todas aquelas persoas que queiran poderán achegarse á capela de San Sebastián no pico para tomar o lume sagrado e acenderas cacharelas de San Xoán, xa que estará custodiado alí ata o vindeiro 23 de xuño.

Luar no Pico Sacro / escuelainiciaticapicosacro