Santiago leva a cultura literaria ó corazón da cidade coa SELIC
A Semana do Libro de Compostela non foi so unha feira do libro. Nin moito menos. A SELIC, lonxe de ser iso, foi en realidade un espazo de lecer para festexar, baixo unha carpa que a protexeu da choiva, a bonanza do sector literario na cidade. Unha semana de celebración ao redor do libro, con actividades para toda a familia. Con presentacións e firmas de exemplares, mais tamén visitas guiadas pola cidade, espectáculos infantís, actuacións musicais, mesas redondas e obradoiros. E todo isto con epicentro na praza da Quintana, no corazón mesmo do casco histórico da cidade.
- SELIC / foto HdG
E é que a Semana do Libro de Compostela nacera no pasado 2017, “co obxectivo de atender as demandas e as necesidades de libreiros e editoriais da capital galega, e co reto de ir un paso máis alá das feiras do libro tradicionais”. Segundo o Concello, a iniciativa é o resultado de “meses de traballo colaborativo entre o Concello de Santiago e a Mesa do Libro de Compostela“, institución creada tamén un ano atrás para atender estas necesidades. Neste neste 2018, na súa segunda edición, a SELIC quixo ter un espazo singular, con postos “heteroxéneos que reflictan a diversidade do sector” do libro da capital de Galicia.
E así foi que dende o venres día 1 ata onte, a praza da Quintana foi o epicentro dunha edición na que unha trintena de postos presentaron as novidades e fondos das librarías e editoriais galegas. Este ano, segundo a organización, foron 20 editoriais, 9 librarías e 8 institucións diferentes repartidas en 32 postos de exposición. O recinto da Quintana contou ademais cunha zona de espallamento infantil e unha área específica para as sesións de conversa e presentacións. Mais tamén se estendeu alén da carpa instalada na Quintana con actividades ó longo de toda a cidade histórica.
Das actividades deste ano destacaron sen dúbida a apertura co brinde rosaliano oficiado polos Quinquilláns. Nel a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, acompañou a Rosalía de Castro na apertura da feira, con este grupo de teatro xa habitual nas celebracións da cidade. Mais non foi a única actividade alén da carpa, pois tamén o Museo da Casa da Troia fixo un paseo literario pola cidade vella do mesmo xeito que tamén se fixeron actividades que transcender o o horario de apertura nas sesións OFF SELIC, con propostas escénicas que empregaron as escadas da Quintana como auditorio natural.
Mais o protagonismo, como non podía ser doutro xeito, estivo no interior. Pois foi na carpa na que se evidenciou a importancia da iniciativa para a visibilización do importante esforzo cultural que está a desenvolver o comercio da cidade na promoción literaria. Aquí se visibilizou a renovación que está a sufrir o sector con iniciativas que van moito máis alá do traballo das librerías de toda a vida. Proxectos como o de Númax, A gata tola, A Central Folque, ANEA ou Alita Cómics dan conta do futuro literario da urbe, coa busca de especialización ou de ofrecer produtos diferentes ós que xa de por si ofrecen as franquías ou as librarías tradicionais. Actividades culturais como base e librarías especializadas en cinema, música, artes escénicas, ensaio, patrimonio musical, saúde ou cómic, demostran esta importante renovación.