fbpx
Ilustración de saqueadores de mámoas na procura do famoso tesouro oculta por unha moura en forma de serpe / Gillermo de la Peña

A Vella, instauradora dos costumes e a identidade de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

É un feito recorrente nas relixións, especialmente nas politeístas, que exista unha divindade con función civilizadora. Este ser ten por obxectivo sentar as bases da vida en comunidade, así como entregar as técnicas e ferramentas que distinguen ó ser humano dos animais. Sen embargo, a súa función máis destacada quizais sexa a de impoñer as normas que rexen a vida en sociedade, xa que é esta unha condición imprescindible para a convivencia de grupos humanos: o cumprimento de certas regras e leis garante o correcto funcionamento da comunidade, como por exemplo o acceso de tódolos seus integrantes ós medios elementais para a subsistencia ou o respecto ós seus dereitos de integridade física e moral.

Un exemplo disto que estamos a falar serían as táboas dos dez mandamentos que Deus entrega a Moisés para que os homes se guíen por elas. Así, neste decálogo, a maiores de preceptos relixiosos, atopamos normas morais e de convivencia: non roubar, non matar, non mentir, etc. Para asegurarse de que estas regras se cumpran, os diferentes sistemas de crenzas soen impoñer un castigo a quen non o faga, que no contexto católico sería a ameaza do inferno e a condenación e o padecemento eternos.

Moisés recibindo os Dez Mandamentos / Wikipedia

Xustificación relixiosa

Cabe destacar que o ser humano primitivo era un ser profundamente espiritual, pois a relixión estaba constantemente presente na súa vida: ó non existir explicacións científicas ou racionais para os diferentes fenómenos da natureza, todo tiña unha xustificación relixiosa: a chuvia, o vento, as enfermidades, a morte. Así, todo o malo que lle puidese acontecer –a infertilidade, o estrago das colleitas– era visto como un castigo dos deuses. Pos esta razón, as ameazas divinas ante o incumprimento dos preceptos tiñan un grande efecto, quizais maior que a sanción física ou legal.

A sociedade tradicional galega, como non podía ser doutro xeito, tamén se rexía en base a estas regras non escritas, e a personaxe encargada de instauralas e velar polo seu cumprimento era a nosa benquerida Vella.

O Pau da Vella debuxado por Castelao / Galicia Encantada

A Vella como civilizadora

Xa falamos da relación entre a Vella e os marcos divisorios. Así, vimos que unha das lendas asociadas á pedra coñecida como Pau da Vella –que marca a fronteira entre os concellos de Ferreiro de Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro (Lugo)– conta que había moitas disputas cando aínda non estaban fixados os límites dos ditos concellos, pero que un día apareceu unha vella que dou a solución de poñer un marco, por iso a pedra se chama así. Como vemos, a Vella ten aquí ese papel civilizador do que estabamos a falar, exercendo a función de poñer unha norma social, a dos límites da propiedade. Así, se os primitivos poboadores de Galicia verdadeiramente crían que foi esta importante deusa a que delimitou coa pedra a superficie correspondente a cada pobo, sería moito máis fácil que a respectasen e non se atrevesen a contravir os seus desexos tentando apropiarse do que non era deles. A maiores deste respecto debido á Vella, é posible que existisen crenzas punitivas asociadas á transgresión desta norma, como enfermidades enviadas por ela ou mala fada en xeral.

A Raíña Lupa

Nesta mesma liña, destaca a idea recollida polos antropólogos de que foi a Raíña Lupa quen estableceu as horas de moenda correspondentes a cada casa. Compre dicir que a figura da Raíña Lupa, creada no Códice Calixtino como ser antitético ó apóstolo Santiago e á fe cristiá, correspóndese de forma notable coa da Moura. De feito, en moitos lugares é descrita como protagonista de lendas idénticas ás de este ser, presentándoa fiando ou sentada en tronos de pedra.

Por tanto, non resulta aventurado deducir que este comportamento civilizador correspondería tamén á Vella. Na parroquia de Toutón (Mondariz, Pontevedra) recolleuse que a levada da auga foi deseñada por unha muller mentres ía fiando na súa roca. Chamábase Catalina a Moura e vivía no alto dun monte, lugar onde existe unha necrópole ancestral asociada a lendas de tesouros encantados. Ela deseñouna e os seus sete ou nove fillos –segundo as versións– construírona. Estamos, sen dúbida, ante outro ser feminino correspondente á Vella fiandeira.

Interior de un muíño / foto titosoftCC0

Os marcos, o rego e a moenda

Como vemos, acabamos de mencionar tres dos aspectos que, tradicionalmente, teñen causado máis disputas entre os galegos: os marcos, as horas de rego e as horas de moenda; os cales deron lugar a grandes enfrontamentos, pelexas e, incluso, asasinatos ó longo da nosa historia. O motivo destes preitos non é outro que a grande importancia dos devanditos recursos para subsistencia: sen auga non medran as colleitas, sen moenda non se pode facer pan e sen terra non se pode sementar. Precisamente esta relevancia tamén fai que sexan ámbitos todos eles tentadores: apropiarse dun pouco máis de terreo, dun pouco máis de auga ou dun pouco máis de tempo para moer. Por iso, as normas divinas cumprían un papel transcendental para o funcionamento da comunidade, sen ter que verse sometida a enfrontamentos constantes. Como dixemos ó principio, se entendemos que foi a Vella quen impuxo estas regras, sendo ela posiblemente a deusa máis importante dos galegos, sería máis difícil que ninguén ousase ir contra os seus designios.

A xeito de conclusión, facer fincapé na importancia destas tradicións, pois sitúan á Vella non só no ámbito dos mitos e as lendas –que, aínda que no seu tempo tiveron unha grande importancia no noso pensamento relixioso, hoxe pódennos resultar difícil identificarnos con eles– senón na creación das regras e normas do noso sistema de vida tradicional. Un feito que non fai senón reafirmarnos na grande transcendencia que a Vella debeu ter para os galegos nalgún tempo, así como para a construción dos nosos costumes e a nosa identidade.A Vella como instauradora das normas sociais. Tirado de https://tralaspegadasdavella.wordpress.com/

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...