Atopan excepcionais gravados nun dolmen de Friol que relacionan con ondas ou serpes
Recentemente, foinos posible localizar uns gravados dos que só tiñamos confusas referencias nun dos esteos dun dolmen da parroquia de Miraz, en Friol. A necrópole megalítica do monte Vilaldar, catalogada por Patrimonio, está formada por seis enterramentos, todos con cráter de violación. A medoña número 4 (código no catálogo GA27020231) é a máis grande do cemiterio megalítico; ten unhas medidas aproximadas de 30 metros de diámetro e unha altura duns 2 metros. Ten un cráter de violacións de 10 por 15 metros. Sobre o túmulo hai varias pedras que formaban parte da coiraza. Segundo nos contou Carlos Pena, da Comunidade de Montes de Miraz que está a loitar por preservar o patrimonio da zona, hai uns cincuenta anos a cámara conservábase completa, incluída a tampa cobertoira, ata que as súas pedras foron levadas para ser reutilizadas noutras construcións.

Gravado atopado nun dolmen de Miraz, en Friol / Xabier Moure
Unha vez percorrida a mámoa, obsérvase que conserva algúns esteos do dolmen, a maioría partidos, e tres deles, aparentemente, na súa posición orixinal. Posuía un corredor bastante desenvolvido, manténdose en pé o chanto que pechaba o acceso.
No único esteo completo, pola parte exterior, vense dúas marcas de cuñas cando quixeron partilo. Polo interior, na parte baixa, distínguense varias gravuras formadas por ondulados e outras, menos marcadas, de difícil interpretación. Este tipo de motivos adoitan interpretarse como ondas de auga ou serpes, as últimas relacionadas coa fertilidade e tamén coa inmortalidade.
Achados difíciles de atopar en Galicia
En Galicia son moi escasos este tipo de gravados nos enterramentos megalíticos, na provincia de Lugo só temos documentado o da Roza das Modias, en Vilalba, declarado BIC. No resto de Galicia documéntanse a da Pedra da Arca (Dumbría), Mina de Espiñaredo (As Pontes), Casa dos Mouros (Vimianzo); Mámoa do Penagache (Verea), Mámoa de Namelas (Agolada), Fonte Tourón e Parada de Alperiz (Lalín), A Braña (Silleda), O Marco do Camballón (Vila de Cruces) e pouco máis.

Dolmen violado en Miraz, Friol / Xabier Moure
Cinco das mámoas atópanse a carón do Camiño do Norte a Santiago de Compostela. Por iso, o día 2 de maio enviámoslle unha carta ao alcalde de Friol para que o Concello proceda á súa limpeza e as sinalice xa que esta actuación tan sinxela e barata lle vai proporcionar ao camiño e á zona un valor engadido. Por outra parte, tamén nos diriximos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que inicie o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) xa que ao ter gravados, e tan escasos, debe gozar da máxima protección legal.
A estes novos descubrimentos hai que engadirlle o achado, fai unhas semanas, e nas inmediacións, duns petroglifos e unha curiosa cabeza esculpida nunha rocha.