fbpx
Bandeira galega / foto bandeiragalega.com

De Teodomiro a Ismael Gonzáles, todos os fitos do 25 de xullo

Tempo de lectura: 3 min.

No ano 813 o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, seguindo as indicacións do ermitán Paio, atopa entre a maleza no lugar do compostellum ou campus stellae, segundo a versión, un sepulcro de época romana cunha inscrición que o identificaba co enterramento do apóstolo Santiago o Maior ou Zebedeo. Mais tarde, o rei Alfonso XII certifica a autenticidade dos restos e o papa Leon XIII por bula papalis recoñece veracidade do descubrimento.  En novembro de 1919 a II Asamblea Nazionalista, organizada polas Irmandades da Fala, instituía este día como Día de Galicia.

Mais non é o único fito deste día 25 de xullo e da celebración da súa vespra. No ano 1387 desembarca na Coruña, o duque de Lancaster, Xoán de Gante, que pretendía a Coroa de Castela no nome da súa muller Constanza. No ano 1512 as tropas da coroa de Castela toman Pamplona, capital do Reino de Navarra, incorporándoa a Castela. Tamén, no diá 24 de 1525 sae da Coruña a nave San Lesmes na procura de terras sen descubrir no Océano Pacífico. Alén diso, hai outros acontecementos non tan fortuítos na data.

No ano 1858 inaugúrase en Santiago a primeira Exposición Rexional Galega. O día 25 de xullo do ano 1934 Castelao ingresa na Real Academia Galega cun discurso sobre As Cruces de Pedra na Galiza. 14 anos máis tarde, en 1948, e xa no exilio, Castelao como presidente do Consello de Galiza, pronuncia o seu emotivo discurso Alba de Groria, no Centro Galego de Bos Aires. Porén, aquí en Galicia, tan so dous anos despois, neste mesmo Día do Apóstolo de 1950, e en medio da represión do réxime Franquista, fúndase na cidade de Santiago de Compostela a Editorial Galaxia, un dos fachos da cultura de Galicia. Tamén o 25 de xullo, neste caso do ano 1965, o pai xesuíta Xaime Seixas decide por primeira vez na historia dar unha misa en Galego.

Recepción de Castelao na Real Academia Galega na cidade da Coruña no ano 1934 / foto CC0PD Wikimedia

Xa ás portas da democracia, en 1974, será a quenda dos audiovisuais, e nese mesmo día emítese por primeira vez na historia un programa de televisión en lingua galega, Panorama de Galicia, da única canle existente de televisión. Xusto once anos máis tarde, o 25 de xullo de 1985, comeza as súas emisións en lingua galega unha canle pública e propia a TVG. Porén o último fito de gran relevancia, tristemente, na tarde previa ó día do Apóstolo do ano 2013 foi o accidente dun tren Alvia na curva de Angrois á entrada da cidade de Santiago de Compostela. Accidente aínda non de todo esclarecido.

No dia 24 de xullo, ademais de Simón Bolivar ou Alexandre Dumas ou Jennifer López, naceron o lexicógrafo Eladio Rodríguez (1864), o arquitecto rexionalista Manuel Gómez Román, (1975) ou o empresario Isidro Silveira Casamelle (1943). O 25 de xullo, de 1906 nacía Ánxel Sevillano, escritor e xornalista galego, no de 1936, Xosé Vilas Nogueira, profesor e xurista, no de 1944 o famoso arquitecto José Franco Taboada, no de 1958 o escritor Manuel Forcadela e no de 1966, Xurxo Souto. No 24 pasaron o agrarista Xulián Estévez (1928), o sindicalista Juan Prieto Balsa (1936), ou o político Lois Peña Novo (1967). Tamén neste día 25 pasaron o xornalista Adolfo Vázquez Gómez (1950), o libreiro Miguel López Torre (1958), o gravador Luis Pintos (1959) Pura Vázquez (1918) ou o cineasta galego Ismael González, que finou no ano 2015.

Pode que che interese...