fbpx
Castro de Trasmonde en Friol / foto Xavier Moure

Unha escavadora esnaquiza un castro en Friol para plantar eucaliptos

Tempo de lectura: < 1 min.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de presentar denuncia ante Patrimonio da Xunta de Galicia pola gravísima agresión ao castro catalogado de Trasmonte, en Friol (código de catalogación GA27020179), coñecido tamén polo nome de Agro do Castro. Tamén figura recollido no PXOM do Concello.

Recentemente, utilizouse maquinaria pesada no interior do xacemento para acondicionalo para unha plantación forestal, producíndolle enormes gabias e utilizando o cazo dunha pa escavadora para facer uns buratos de máis de medio metro de profundidade para plantar as árbores. Se a desfeita no interior do recinto non bastara, todo o perímetro da muralla defensiva foi inzada de buratos para o mesmo fin, ocasionándolle tamén varios derrubes.

Nos citados buratos atopamos abundantes restos pertencentes a utensilios cerámicos, observándose nalgúns anacos interesantísimos motivos decorativos de clara filiación castrexa. Tamén localizamos parte do que semella ser unha ferramenta de ferro. As máquinas tamén levantaron pedras das primitivas casas do castro.

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, publicada no ano 2016, é clara canto á prohibición de actuar sobre un ben patrimonial catalogado, mesmo para facelo na súa área de protección (200 metros ao redor) precísase a correspondente autorización de Patrimonio. O concello de Friol conta con 40 castros catalogados, e este de Trasmonte era, ata o presente, o que ofrecía un mellor estado de conservación.

 

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...