fbpx
Carga dos grises en Madrid / foto youtube.com

Xullo do 68, o Día de Galicia que acabou baixo as cargas dos “grises”

Tempo de lectura: < 1 min.

Como comentábamos onte, foi no ano 1919 na II Asamblea Nazionalista organizada en Santiago de Compostela polas Irmandades da Fala, cando se decide institucionalizar o Día de Galicia o 25 de xullo. Dende aquela e ata 1936 celebrouse ese 25 de xullo o Día da Patria. Mais, como non podía ser doutro xeito, durante o Franquismo a festividade, celebrada daquela coma o día do Patrón de España, non tivo o carácter nacionalista ou sinxelamente galeguista que tivera antes. Todo tipo de manifestación nese sentido estivivo sinxelamente prohibido.

Mais foi un 25 de xullo de 1968 e inspirados nas revoltas que naquel ano percorrían o mundo e tamén a nosa universidade cando se volveu a facer de novo unha manifestación reivindicativa neste día. Foi naquel 25 de xullo de 1968 cando se volveu celebrar de novo o Día de Galicia como tal, e como o imaxinaran os membros das Irmandades. Foi cunha relativamente concorrida manifestación da Alameda de Santiago de Compostela, organizada polo Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG).

Foi unha manifestación clandestina, case espontánea, para conmemorar o chamado Día Nacional de Galicia e pedir democracia. A manifestación saldouse con cargas dos grises e con fortes enfrontamentos entre manifestantes e a policía franquista. Dende aquela e ata xa ben entrada a democracia as manifestacións de carácter político no Día de Galicia eran sistematicamente prohibidas. Porén naquel ano 1968, e baixo o lema nacionalista “Viva Galiza ceibe e socialista”, recuperouse de novo o carácter de reivindicación, como día galego, da festa. Hoxe, ideas políticas aparte, a manifestación que convocan todos os anos os partidos de raíz nacionalista e galeguista na Alameda compostelana é de feito o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na cidade.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...