fbpx
Un barco pirata semellante o que podería empregar Harry Paye / foto EisenmengerCC0

A historia de Harry Paye, o pirata inglés que asediaba a Costa da Morte e se refuxiaba no Louro

Tempo de lectura: 2 min.

Foi habitual na historia que moitos piratas ingleses chegaran a Sir como recoñecemento do seu mérito na pillaxe contra os inimigos dos reis ingleses en Francia e España. Un deles, se cadra un dos primeiros, foi Harry Paye quen se gañou o favor do rei Enrique IV de Inglaterra polas súas incursións dende a Normandía francesa ata Fisterra. Mais non era ouro e prata americano o que Paye buscaba, xa que foi un dos primeiros piratas británicos -polo menos do xeito en que os coñecemos hoxe- anteriores ó descubrimento de América.

Dise que Paye asaltou en varias ocasións diferentes localidades da Costa da Morte, estando documentada unha invasión á vila de Fisterra no ano 1398. Daquela asediou casas e saqueou a súa igrexa, un dos lugares preferido polos saqueadores, roubando a súa ourivería, especialmente unha cruz de ouro famosa nesta historia. Tamén fixo prisioneiros e esixiu rescates, deixando a vila nunhas condicións nefastas. Paye tamén é famoso por queimar a vila de Xixón e por axudar a sufocar as revoltas galesas. O asalto a Fisterra noméase na Crónica de Pero Niño de 1436, na que se narra a súa loita contra o pirata.

E é que os reinos de Castela e Francia, fartos das incursións de Harry decidiron combatelo no seu propio porto. O mariño mercenario castelán Pero Niño foi o encargado de dirixir a loita contra Paye. Levou ás costas de Inglaterra, a cidade de Poole, a súa frota e os seus soldados, xunto cun exército francés, e alí atacaron a vila de Paye nunha mañá de setembro de 1405. Os ingleses resistíronse pero finalmente caeron ante as tropas francesas e castelás. Mais Pero Niño non foi quen de capturar a Paye, non así o seu irmán que pereceu na batalla. Paye regresou a Poole e en resposta a súa derrota, saqueou ata 120 buques franceses e casteláns, a lenda di que apropiándose das súas mercadorías e devolvéndollas á vila de Poole.

Monte Louro e Area Maior / foto Gonzalo Quian Moreno CCBy Wikimedia

Foi precisamente polas súas fazañas así como pola consideración coa súa vila natal, pola que se converteu nunha especie de heroe nacional das Illas Británicas por aquela época. Así, o rei Enrique IV recompensouno nomeándoo Garda Real de cinco portos do sureste británico. Despois duns anos retirouse cunha pensión real morrendo en 1419. Así, as vilas de Poole e Fisterra celebran sendas celebracións recordando os tempos daquel pirata. No ano 2008 varios representantes de Poole pediron desculpas ós fisterráns polas pillaxes e agasallaron ó concello, persoado no alcalde José Pestillo, co anaco dunha campá de bronce recuperada dun navío español recuperado nas costas inglesas.