fbpx
Proxecto eólico de Mouriños / GC

A Xunta aproba o parque eólico que afecta patrimonio arqueolóxico e paisaxístico na serra do Gontón

Tempo de lectura: 2 min.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta publicou o pasado martes a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto eólico Mouriños, impulsado por Fenosa Wind (Agora Naturgy). Pero, a pesar dos reparos iniciais dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, o proxecto eólico salvou os obstáculos de afección ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico.

O novo parque prosperará no Alto da Fernandiña, na serra do Gontón, aínda que tan só con 3 eólicos, e non os 4 inicialmente previstos.  O concello de Cabana, que apoia o parque, remitiu varios informes favorables. No primeiro, conluía que o estudo ambiental redactado pola empresa promotora “… ofrece a información suficiente (inventario ambiental, identificación e valoración de impactos, estudo de ruídos, sinerxías, de avifauna e quirópteros, de elementos arqueolóxicos, etcétera) para garantir que as obras analizadas non supoñan un impacto ambiental inaceptable”.

Posteriormente, volveu contratar un segundo informe á mesma empresa no que “…volve a manifestar a súa conformidade coa addenda do EsIA xa que contempla a problemática específica na zona de actuación e aporta a información suficiente para garantir que as obras non supoñan un impacto ambiental inaceptable”.

“A falla de obxectidade dos informes aportados polo concello cabanés, xa que a empresa redactora ten intereses na xestión da auga municipal e outros contratos dos que resultou beneficiaria, foi decisiva para a aprobación do documento ambiental”, denuncia Petón do Lobo.

Castelo de Borneiro / GC

Críticas

Nos últimos meses, varias entidades ecoloxistas e veciñais, tal e como recolleu hdg, denunciaron o impacto que este proxecto eólico tería sobre o patrimonio cultural. Así, apuntaban que afectaría a un castelo e a unha mámoa.

O castelo de Borneiro, na parroquia de San Xoán de Borneiro en Cabana de Bergantiños é un ben catalogado da Idade do Ferro e con continudiade na Época Altomedieval. Presenta unha característica que é difícil ver noutros castros da contorna como é a existencia de tres antecastros vinculados ao recinto principal.

Salvemos Cabana tamén denunciou que o parque éolico tamén afectará á mámoa do Pico de sinde, que tamén aparece catalogada. Trátase dun túmulo megalítico do Neolítico cun grao de protección II –xacementos arqueolóxico que non están declarados Ben de Interese Cultural–.

Pode que che interese...