fbpx
Castelo de Monterrei / paradores.es

As desfeitas do Castelo de Monterrei chegan á Unión Europea

Tempo de lectura: 2 min.

A cementación dun camiño medieval que dá acceso ao Castelo de Monterrei chegará á UE. Será a través dunha iniciativa parlamentaria que presentará a eurodeputada Lidia Senra que, nunha visita realizada ao monumento o pasado mes de xullo, comprometeuse a denunciar o que considera unh “desleixo na conservación patrimonial desta comarca ourensá”.

A través dunha pregunta parlamentaria, Senra relata as deficiencias na conservación desta fortaleza do século XII declarada Monumento Nacional no ano 1931, actualmente catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Así, chama a atención sobre “a cobertura das calzadas medievais por unha capa de cemento” debido a obras nos accesos, e lembra que precisamente unha destas vías, o Camiño Real, forma parte da Vía da Prata, unha calzada romana que atravesaba de sur a norte parte da Península Ibérica e que inda a día de hoxe é a principal ruta do Camiño de Santiago dende o sur do Estado.

Apelando non só á designación do presente ano 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural polo Parlamento Europeo e o Consello, senón tamén ao Artigo 3 do Tratado da Unión Europea (TUE) que especifica a responsabilidade da UE de “velar pola conservación e desenvolvemento do patrimonio cultural europeo”, a galega alerta tamén de que a conversión do Castelo de Monterrei en Parador significa “privar este espazo dun uso para a poboación”.

Calzada do século XVI no Castelo de Monterrei antes e despois da obra / Plataforma

A europarlamentaria galega tamén pregunta á CE se contempla desenvolver algún tipo de actuación para que as institucións galegas activen as medidas precisas para garantir a correcta conservación deste monumento, así coma o seu desfrute público.

Esta iniciativa é froito dunha visita que Senra realizou ás instalacións do Castelo o pasado 17 de xullo xunto ao deputado de En Marea no Parlamento Galego, Davide Rodríguez; Carmen Sola, concelleira de Veciños de Monterrei, e Aurora Sola, da Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei.

Pode que che interese...