fbpx
Situación dos frescos renacentistas dos Vilares, en Guitiriz / Lareira dos soños

Lanzan un crowfunding para salvar uns frescos de hai 500 anos abandonados polas administracións

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares (Guitiriz) lanzará a comenzos do próximo ano unha campaña de crowdfunding para salvar os frescos renacentistas da igrexa parroquial. Unha campaña que comeza logo de que as distintas administracións teñan desatendido o monumento, cuxa restaruración foi aprobada na Comisión de Cultura do Parlamento Galego e que se atopa aínda sen dotación económica a pesar de contar con estudos técnicos.

Ademáis do anteproxecto presentado pola Lareira de soños ás diferentes institucións, Patrimonio da Xunta de Galicia ten encargado o proxecto de execución. “Resulta incomprensíbel que as diferentes institucións (Igrexa, Concello, Deputación e Xunta) non sexan quen de acadar un acordo económico por unha cantidade inferior a cen mil euros (valoración económica dos traballos) para salvar e poñer en valor este importante ben patrimonial”, denuncian.

“Catro anos de reunións, visitas de técnicos e políticos, iniciativas parlamentares e mesmo a reclamación á oficina do Valedor do Pobo, non serviron para que se tomará a decisión política de dotar de orzamento unha actuación que salve unhas pinturas murais de máis de 500 anos que se atribúen ao Mestre de Parga e que os especialistas consideran de grande calidade e valor histórico”, engaden desde a entidade.

A degradación sofrida polas pinturas desde o seu descubrimento en 1992 e o risco de desaparición definitiva, obrigou a esta asociación a tentar salvar as pinturas “pola falta de sensibilidade institucional”.

Detalle dos frescos de San Vizenzo dos Vilares

A campaña

A campaña de mecenado social comenzará no mes de febreiro de 2019 co nome de FRESCOS DOS VILARES, CINCO SÉCULOS DE NÓS. A campaña contará cun deseño de imaxe da artista Viki Rivadulla, un spot para as redes sociais, pancartas para a as festas da Pascua, a implicación de persoeiros da cultura e da sociedade, xornadas profesionais, sorteos, campañas informativas e de sensibilización e visitas guiadas á igrexa e a contorna da mesma.

Asimesmo, editarase un folleto informativo sobre o patrimonio relixioso dos Vilares para veciños e visitantes arredor da historia dunha igrexa que ten as súas orixes no século XII e que ademáis dos frescos, conta con tres importantes retablos, un sartego, un calvario (leva sete meses rompido e sen reparar) unha caliveras singulares na entrada do vello camposanto e unhas fantásticas pías nun conxunto único no lugar da emblemática Romaría dos Desamparados que se celebra pola Pascua.

Pode que che interese...