O lume queima os restos dun dos castelos máis antigos da Limia
O de Lobarzana é un dos tres territorios ou xurisdicións que formou parte da histórica Terra de Baronceli entre os séculos X-XIII, xunto con Cabreira e Soutovermud. E, por iso, alí había un castelo que controlaba parte do territorio da actual comarca de Verín, un castelo que, igual que o desaparecido castelo de Cabreira (Cabreiroá), foi levantado antes que o Castelo de Monterrei, que é o que hoxe domina todo o territorio.
Desafortunadamente, o lume afectou aos restos deste castelo. O gran incendio que estes días afecta a Monterrei acabou por chegar tamén ao concello de Oímbra, onde se atopa esta fortaleza medieval, e tamén queimou o castro da Cidade, nas Chás. Alí localízanse dúas tumbas antropomorfas de pedra, labradas na roca, e decenas de petróglifos. Trátase dun dos puntos da provincia con maior cantidade de inscricións.
Fontes da asociación cultural Monterrei, cultura e territorio destacan que se trata dunha zona de gran valor patrimonial que debe ser dada a coñecer. “É indignante que estes vestixios se vexan danados por un incendio intencionado”, apuntaron a La Voz.

Tumbas antropomorfas en As Chás, Oímbra / Concello de Oímbra
A case 600 metros
O castelo de Lobarzana sitúase no Monte do Castelo, entre as parroquias de Santa María das Chás (Oímbra) e San Salvador de Vilaza (Monterrei). A fortaleza ergueuse no coto denominado Outeiro do Castelo / A Cerca / As Laxes das Chás, a 599 metros de altitude e dominando boa parte do val do río Támega.
A destrución de Cabreira e Lobarzana deixou a Monterrei como único bastión militar da bisbarra, capital indiscutible do termo e do seu estado. Ademais, segundo apunta o Concello de Oímbra, é probable que a cantaría de calidade de Lobarzana e Cabreira fose reutilizada en Monterrei no transcurso das sucesivas obras de mantemento, reconstrución e ampliación.