O pai Baltasar Merino, o xesuíta que estudou a meteoroloxía de Galicia para salvar á xente do mar
No último cuarto do século XIX o burgalés Baltasar Merino, xesuíta, chega a Galicia para impartir docencia no colexio da Pasaxe en Camposancos (A Guarda) e atenuar as súas doenzas físicas nas bondades do noso clima. Dende este lugar, a lombo de equinos, viaxou por Galicia nun percorrido que lle permitiu descubrir e sistematizar gran parte da súa vexetación. Destas viaxes xurdiu, en 1905, a Flora descritiva e ilustrada de Galicia, unha obra aínda en vixencia un século despois. Tamén, preocupado polos perigos dos temporais para a vida da xente do mar, foi pioneiro na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo e á salvagarda dos pescadores.
Pero Merino é sobre todo coñecido polos seus estudos botánicos de Galicia. Na Universidade de Santiago de Compostela creou de xeito pioneiro un gran herbario, trazando as liñas botánicas máis importantes de Galicia que irían completando despois outros investigadores galegos. Este herbario didáctico coñécese como Herbario Merino e actualmente está diseminado por diversas institucións, conservándose a parte máis importante no Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán, onde se gardan máis de 10.000 entradas. Outra parte importante encóntrase no Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela con outras 2.000.
Merino foi docente na Habana e máis en Maryland, e a partires de 1880 no Colexio Apóstol Santiago de Camposancos, A Guarda. Foi un dos membros fundadores da Sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural, presidente da Sociedad Aragonesa de Ciencias Naturales e da Academia Internacional de Xeografía Botánica. Tal foi a súa relevancia que chegou a darlle clase a futuros científicos da talla do astrónomo Ramón María Aller Ulloa. Ademais da botánica tamén estudou a meteoroloxía de Galicia, estando considerado un dos seus pioneiros. Estes estudos destacan ademais polo carácter práctico que lles dou, tratando de orientar ós mariñeiros nas súas saídas ó mar e evitando que foran sorprendidos polos temporais.
- Portada de Flora Descriptiva e Ilustrada / foto https://www.biodiversitylibrary.org/page/1 Elisardojm CCBy Wikimedia
- Actividades sobre o Pai Baltasar Merino na Guarda / foto Concello da Guarda
- Actividades sobre o Pai Baltasar Merino na Guarda / foto Concello da Guarda
Unha celebración na súa honra
Tendo como referencia o pioneiro labor científico de Merino como botánico e meteorólogo, o Concello da Guarda quere lembrar e recoñecer a súa figura deste pioneiro investigador cunha xornada lúdica e divulgativa. “Analizando a importancia da súa obra para Galicia e para a ciencia de inicios do século XX, abordaremos os distintos ambientes ecolóxicos deste sector da costa galega a través da distribución das súas plantas. Ensinaremos como se fan inventarios e transeptos de vexetación, así como técnicas básicas de herborización. Observaremos as nubes e valoraremos as súas características cara á predición do tempo”.
E é que mañá domingo día 5 de agosto o Concello da Guarda acolle a segunda das actividades de Monumenta Galicia, titulada Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino. E esta unha actividade cultural e deportiva na que se percorrerán un total de 5,5 quilómetros dende a Estación Marítima de A Guarda. É esta unha actividade lúdica e divulgativa, na que a figura do pai Merino se coloca no centro articulando a partires dela un paseo científico e cultural pola contorna da Guarda. Pois, en palabras da organización, tampouco “deixaremos de lado a presentación doutros valores da zona como os arqueolóxicos, etnográficos e de aproveitamento protoindustrial do patrimonio natural”.