fbpx
II Certame de Pintura Mural de Burela / foto Concello de Burela

O porto de Burela ten xa dez novos murais sobre o mar

Tempo de lectura: 2 min.

A segunda edición do certame Amarte, xa ten os seus dez novos murais no porto de Burela. Pois un dos proxectos máis singulares de Galicia para mudar a imaxe dun porto a través da arte, xa ten completados os seus novos murais deste ano. E é que, ó longo desta primeira semana de agosto, foise desenvolvendo o traballo dos dez artistas seleccionados que pintaron, do mesmo xeito que o pasado ano, as súas singulares propostas no peirao. O obxectivo é converter o porto nun “museo ó aire libre” e dar un paso máis nun certame que pretende converter co paso dos anos o porto da vila mariñá nunha peza de arte.

E é que coa edición do pasado ano xa se comezou a encher unha importante franxa do porto da mellor arte urbana e na que participaron dez muralistas. A estes dez, este ano, se lle sumaron outros dez muralistas que plasmaron unha vez máis a súa imaxinación unha parte considerable do muro do espigón, nun programa pictórico no que o protagonista absoluto é o mar. Pois os dez protagonistas foron escollidos entre os artistas que enviaron os seus bocexos e mañá, día 5, coincidindo co inicio da Festa do Bonito, daranse os premios do concurso e declararase un gañador.

II Certame de Pintura Mural de Burela / foto Concello de Burela

E é que este ano recibíronse propostas especialmente interesantes que, en xeral, seguen a liña temática iniciada o ano pasado, cunha calidade nas propostas seleccionadas, unha vez máis, especialmente alta. Sereas, peixes, centolas, baleas, tartarugas, paisaxes mariñas, mariñeiros e ata o famoso Torques de Burela, tiveron o seu oco nesta edición. A evocación, a ensoñación e un mundo imaxinado baseado no mar, foron unha vez máis os protagonistas do certame. O bonito, a vida mariñeira, unha balea nadando no interior dun xarro de cristal, unha mariña agochada no interior dunha lata de sardiñas ou o tema da contaminación no mar, son algunhas das sorpresas que poderemos descubrir este ano no porto de Burela.

Todos menos un deles, xa que, do mesmo xeito que o ano pasado, de entre as dez propostas unha se corresponde cun artista invitado. Este ano foi Otero Regal, un artista mariñán que ten entre o seu currículo nada menos que ser Premio Nacional de Cerámica, e que para José Díaz, Concelleiro de Cultura de Burela e responsable do evento, é un verdadeiro privilexio do certame contar con el. Así, Regal foi quen tomou ó relevo e posto de honra de Mark Taeger o artista suízo que foi invitado na pasada edición. Resta saber quen será quen tome o relevo de Carlos Pereira Lozano, o gañador da pasada edición, incógnita que se resolverá no día de mañá.

Pode que che interese...