fbpx
A ponte medieval de Parada completamente abandonada e chea de vexetación / Capitán Gosende

Pontes medievais que morren esquencidas

Tempo de lectura: 3 min.

Hai tempo, Cerdedo derrubou as súas pontes cara ao futuro e nesta inercia terminalista tamén lle virou as costas ao seu patrimonio histórico. O colectivo Capitán Gosende quere, de novo, chamar a atención sobre o estado de total abandono que presentan as tres pontes máis relevantes daquel territorio: a ponte de Parada (Parada), a ponte de Santo Antonio (Cerdedo) e a ponte de Pedre (Pedre). Esta reportaxe elaborouse tras visitar os mencionados lugares o 4 e o 5 de agosto do presente ano, en plena temporada estival, é dicir, cando Cerdedo rexistra, malia que exigua, a súa máxima afluencia de visitantes.

A ponte de Parada

A ponte de Parada, ou ponte Parada (coordenadas.- X: 552.966; Y: 4.711.626), é unha construción medieval (non romana) que salva a madre do Lérez sosténdose sobre un arco de medio punto rebaixado. Plataforma recta e rudos peitorís. Concertado ao romano xeito, porén, edificado na Idade Media. Datar esta ponte no medievo non exclúe que existise outra en época do Imperio (cecais, de madeira), posto que todo río pide ser vadeado e os camiños foron os primeiros inventos da humanidade.

Contraforte da ponte medieval de Parada inzada de maleza / Capitán Gosende

 

A ponte comunica as parroquias de Parada e Folgoso ou, sendo máis preciso, os lugares de Parada (Parada) e Vilariño (Folgoso). En liña recta, a ponte áchase a uns 250 m, cara ao nordés, do lugar de Parada, e a uns 500 m, cara ao noroeste, do lugar de Vilariño.

No antigo, os arrieiros adoito encarreiraban as súas recuas pola ponte Parada. Dende Ribadavia, os mercadores transportaban os bos caldos do Ribeiro até as baiucas e adegas de Compostela. Ao sur da ponte, o itinerario unía localidades como Feás, Beariz, Xirazga, San Domingos, Presqueiras, Folgoso…; ao norte discorría en paralelo ao Campo das Antas (A Mámoa-Castrelo), uníndose ao camiño que atravesaba o Lérez pola ponte Gomaíl e, a seguir, por Codeseda e A Estrada, converténdose nunha das moitas variantes do Camiño de Santiago.

Atravesada a ponte, os transportistas podían facer un pouso na aldea de Parada (de aí o chamadeiro), onde homes e animais recuperaban os folgos aloxándose nas pousadas de á beira do camiño (hoxe arruinadas). Na Alta Idade Media, o cobro da pontaxe ou pontádego (portaxe esixida por cruzar unha ponte) xestionábase dende a fortaleza da Mouteira. O topónimo A Mouteira, aldea estremeira coa de Parada, denomina os vestixios das murallas soterradas polo paso do tempo. A pouco máis de cen metros cara ao norte do poboado, a prominencia do circo murado é perfectamente identificábel a nivel do chan e a súa existencia corrobóraa o mapa sombreado que quenquera pode consultar na web mapas.xunta.gal.

Na actualidade, a ponte de Parada é un dos atractivos patrimoniais do “Roteiro das pontes do Lérez” e do “Sendeiro da ponte Parada”, rutas culturais e de lecer tan intransitadas como impracticábeis. Pechado de fraguiza tamén se atopa o camiño que, dende a ponte, conduce ao castro das Cercas, vadeando o regueiro da Freixeira polos peares do Cortello da Cabras.

A vexetación invade a Ponte de Parada, en Cerdedo / Capitán Gosende

A ponte Parada presenta o paramento anterior e o posterior densamente cubertos pola fraguiza. A plataforma áchase colonizada por vexetación herbácea. No paramento posterior (no sentido da corrente), árbores e arbustos (carballos, ameneiros, silvas, toxos, urces…) enraizaron rexamente por entre as regañas do perpiaño e da cachotaría. Carballos toxos e urces poñen en perigo a estabilidade dos peitorís. De vello, o punto feble da súa estrutura é o estribo oeste. En época non precisa, foi reforzado cun contraforte para evitar que o grao de inclinación desta sección seguise aumentando. A greta do intradós é preocupante. Consonte a inspección ocular efectuada o pasado sábado, ducias de ameneiros e outros vexetais enraizaron no contraforte e na zapata ameazando a verticalidade da construción. Urxe enviar unha cuadrilla que libere a ponte da tracción dos raiceiros, mais, cómpre que os labores non se limiten á poda. Atentendo os criterios que Patrimonio estableza para a intervención nestes bens, a ponte de Parada precisa dun labor de desbravamento e consolidación integral. Pola mesma, se o Concello contase cun técnico de turismo (ou cargo semellante), promover a restauración da ponte Parada debera ser para este funcionario un quefacer tan prioritario como meritorio.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...