fbpx
O castro de Benquerencia, en Barreiros, convertido nun gran aparcadoiro / Mariña Patrimonio

Por que un castro se pode converter nun aparcadoiro?… Estas son as lagoas legais para que aconteza

Tempo de lectura: 2 min.

O aparcadoiro no que se convertiu o castro de Benquerencia, en Barreiros, está a xerar unha forte polémica na comarca. Tal é o rebumbio que o caso chegará á Cámara galega da man do BNG. Pero que hai que facer no caso de que se comprobe que os turismos invaden un ben patrimonial?

O Xornal da Mariña ven de publicar un interesante artigo sobre o caso. A normativa baséase na cooperación entre administracións. Aínda que o goberno local ten escasas competencias no ámbito da conservación do patrimonio, a lexislación si lle atribúe un papel de vixía inmediato neste tipo de conflitos co obxectivo de velar polo ben patrimonial. Así, de observar risco, a alcaldía pode adoptar de forma cautelar as medidas de urxencia necesarias -incluído o desaloxo ou o peche do recinto- para suspender os usos prohibidos ou realizados sen o título habilitante municipal.

Outra opción, menos tallante, é sinalizar o espazo cun aviso para que ninguén aparque, o que requeriría dos correspondentes permisos.

Segundo os arqueólogos da Xunta consultados por Xornal da Mariña, se non se fan remocións do terreo, o dano producido polos vehículos no xacemento en solo seco non debera ser relevante. Si pode haber un maior risco de deterioro de producirse chuvias. De estar o terreo máis brando, as rodeiras das autocaravanas poden causar un impacto sobre o castro. Mariña Patrimonio amosou xa fotografías nas que se ben clarmanente estas pegadas.

Pegadas das autocarabanas e turismos no castro de Benquerencia, en Barreiros / XdL

Sancións de ata un millón de euros

As sancións para os que acampen sen o necesario título habilitante municipal e as autorizacións sectoriais precisas en solo rústico protexido poderían ser diversas, dado que os infractores poderían cometer ao mesmo tempo infraccións relativas a máis dunha normativa -as que atinxen á protección do ben catalogado, de costas, da paisaxe ou do medio natural-.

No tocante ao patrimonio cultural, se o dano ocasionado ao ben ou o beneficio acadado pola actividade poden cuantificarse, as multas poden multiplicar por catro esta cuantía. De non causarse dano ou non producirse beneficio, os custos irían dos 300 euros ao millón segundo a gravidade da falta.

Denuncia do BNG

Tras o acontecido en Barreiros, o BNG presentará iniciativas no Parlamento galego e no concello para pedir responsabilidades pola utilización do castro de Benquerencia como aparcadoiro de autocaravanas.

Así o anunciou a deputada do partido nacionalista Olalla Rodil, que visitou o xacemento con representantes do grupo frontista para coñecer a situación e entrevistarse con membros de Mariña Patrimonio, a asociación que -xunto con Adega– presentou unha denuncia no Seprona contra a acampada.

“Non se pode permitir que o noso patrimonio siga sendo maltratado e que as administracións non fagan nada por protexelo. Pediremos explicacións e responsabilidades a todos os niveis e presentaremos iniciativas no Parlamento Galego”, anunciou Rodil.

Pode que che interese...