fbpx

A restauración dunha igrexa en Lalín, motivo de disputa política

Tempo de lectura: 2 min.

Aproximanse as eleccións municipais e, con elas, tamén aumenta a tensión políticia, e as obras en todo tipo de infraestruturas e edificios patrimoniais. Así acaba de acontecer en Lalín. Alí goberna Rafael Cuíña, de Compromiso por Galicia (CxG), fillo do ex conselleiro de Fraga Xosé Cuíña, e enfrentado políticamente ao ex rexedor José Crespo, e o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, veciño deste concello. Así que todo o que sexan novas obras entre unha e outra administraciń está baixo lupa.

Así aconteceu coa restauración da Igrexa de Donramiro, que segundo a lenda foi fundada polo líder godo Ramiro. É de orixe románica pero completamente reconstruída a mediados do século XVII, seguindo o modelo arquitectónico barroco, cun suntuoso retablo do mesmo estilo. Da igrexa primitiva de traza romanica só queda afachada, co seu campanario e o primeiro tramo da nave.

O Goberno municipal de Lalín acaba de denunciar que a Consellería de Cultura iniciou as obras de rehabilitación desta igresa sen contar co correspondente proxecto de control arqueolóxico. Segundo consta nunha resolución da dirección xeral de Patrimonio remitida esta mesma semana ao Concello, a solicitude para esta autorización non se presentou ata o pasado 20 de agosto, tras o que foi resolta, di, “con sorprendente rapidez e dilixencia nun prazo récord de tres días”.

En calquera caso, Cultura non tivo ese permiso ata xusto un mes despois de que se iniciasen oficialmente os traballos de restauración do templo románico. Foi o propio conselleiro Román Rodríguez -acompañado do portavoz do PP de Lalín, José Crespo- quen durante unha visita ás obras realizada o sábado 28 de xullo explicou que os traballos de rehabilitación da igrexa se iniciaran cinco días antes e, segundo o concello, sen ter resoltos todos os trámites administrativos pertinentes.

Ademais, o goberno local quéixase que non se teña axilizado do mesmo xeito o ditame de Patrimonio para poder retomar as obras dunha glorieta que consideran “moi necesaria para mellorar a seguridade dos veciños de Lalín” tamén na parroquia de Donramiro.