“A Ribeira Sacra é unha das paisaxes antropizadas máis impresionantes de Europa”
Paula Vázquez Verao é unha activa defensora do Patrimonio da Ribeira Sacra que coñece moi ben como guía e como integrante do Colado do Vento. Unha entidade que leva desde hai doce anos tentando evitar que tesouros patrimoniais acaben esquencidos. Ela, xunto con outros integrantes desta entidade, serán os guías da interesante andaina que Rutas de Historia organiza este sábado “As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia” (os e as interesadas aínda poden apuntarse ata o venres pola mañá AQUÍ. Nesta entrevista fálanos das riquezas desta zona e do que veremos durante o roteiro.
Unha fermosa Andaina polo Canón do Sil. É a primeira vez que Rutas de Historia vai ao Sil. Que veremos neste roteiro?
É unha zona ribeirá, polo que poderemos ver a paisaxe da ribeira do Sil, cando o río sae da zona esquistosa de Doade e comeza a adentrarse no canón granítico. Pasaremos por catro parroquias e poderemos ver numerosos elementos patrimoniais, dende petróglifos a elementos románicos ou arquitectura popular.
Precisamente hai unhas pinturas que son únicas. Que oculta a igrexa de San Vizenzo de Pinol?
Pois é unha igrexa singular, na que destacan dous capiteis interiores, do século XIII, un dos cales representa a escena do Pecado Orixinal, con Eva e Adán ataviados ao modo da época medieval, e unhas pinturas murais do século XVI na nave, así como un curioso artesonado da mesma época.
Como dis veremos petróglifos, igrexas, pinturas… Pero que cres ti que é o que máis impresiona a unha persoa que non coñece esa zona?
Pois soe impresionar a cantidade de castiñeiros de envergadura que hai nestas parroquias. Precisamente, pasaremos polo “Souto do Tellada”, en Lobios, un impresionante conxunto de castiñeiros xusto detrás da Capela da Nosa Señora dos Anxos e do cruceiro de Lobios, que teñen interesantes lendas.
Por que pensas que cautivan tanto os canóns do Sil?
A do canón é unha paisaxe espectacular e, sobre todo, o cultivo en bancais na ribeira amoldou a acusada vertente para posibilitar o cultivo e o resultado é unha das paisaxes antropizadas máis impresionantes de Europa.
Curiosamente nesta época hai Vendima. É posible que tamén disfrutemos dela, non?
Pode ser que vexamos algunha cuadrilla de camiño á viña cando pasemos por Sampil, que está na estrada que leva a Chanteiro, unha das zonas onde mellor madura a uva e a froita. Ou tamén avistar algunha barca que vai para a viña dende o miradoiro de Cadeiras. Si, estamos en plena vendima.
É o viño o principal motor económico da zona?
O principal ingreso das persoas da zona son as pensións, xa que estamos nun territorio envellecido, pero o viño e as actividades turísticas son un sector punteiro e en expansión.
E que relación ten o viño coa historia local?
É un producto que non se pode desligar do discorrer histórico desta terra. A referencia máis antiga do cultivo de viño na actual DO é no documento de fundación do mosteiro de Atán (Pantón), no 816, que di que cando se funda o mosteiro se plantan tamén viñas e maceiras. Non hai certezas sobre a produción de viño na época romana e, á marxe da lenda recente sobre o envío de ánforas de Amandi á Roma dos césares, o territorio está ligado á produción de viñedo: o cultivo expándese con forza dende o século XI, sendo un produto de gran valor e fonte de ingresos para os mosteiros deste territorio, chegando a unha enorme extensión nos séculos XIV e XV.
O roteiro vai guiado por xente do Colado do Vento, unha asociación de defensa do patrimonio da zona. Cales son as vosas principais actividades?
Comezamos en 2006 realizando roteiros pola zona e concertos en lugares emblemáticos, así como divulgando os petróglifos de Sober e continuamos na mesma liña: divulgación do Patrimonio histórico, cultural e paisaxístico, defensa do medio ambiente e da conservación dos bens patrimoniais e organización de actividades de lecer con compoñente educativa e cultural. Temos editado libros e folletos sobre os castros da zona ou as lendas e cancións e organizamos cada tempada roteiros pola comarca e tamén por outras zonas de Galiza. Anualmente, celebramos unha actividade que consiste en ter música, poesía e relatos á luz da lúa, unha noite de xullo ou agosto, en entornos “máxicos” de Sober (a fervenza dos Chancís, a Pena do Castelo…), que xa pasou da décima edición. Asemade, temos organizado xornadas de aprendizaxe de olería tradicional ou de cómo facer o pan e o queixo ou a cervexa caseira, unha xornada de “caza do patrimonio”, outra de estudo da contaminación dos ríos e impulsamos varias tempadas unha horta comunal de boas prácticas.
E como está o patrimonio local?
Coma en todo o País, temos un feixe de bens deteriorándose. Nesta andaina veremos a igrexa de Lobios, con moita humidade e cun cemiterio pegado ao templo que impide velo no seu esplendor. A maioría de petróglifos están sen sinalizar nin referenciar en publicacións, salvo nas redes do Colado do Vento, e non hai un plan global para preservar o inmenso Patrimonio cultural de toda a chamada Ribeira Sacra.
Recentemente aprobaron BIC a toda a zona dos canóns do Sil, credes que é positiva esta declaración?
Será positiva se vai acompañada de medidas reais de prevención e conservación do Patrimonio. No seu momento, a asemblea xeral do Colado do Vento valoramos se asinar ou non o apoio á Declaración da RS como Patrimonio da Humanidade e non o fixemos porque nos parecía un empeño propagandístico e baleiro de contido real.
E para rematar, que lle recomendas á xente que vaia a Sober o vindeiro sábado?
Que leve calzado cómodo, aínda que non andaremos tanto (e imos ter que acurtar algo a ruta) e que veña con disposición a atopar as historias da Historia en cada recanto.