Coñece a figura de Moncho Valcarce, o cura revolucionario das Encrobas
Ramón Valcarce Vega (Moncho Valcarce), coñecido tamén coma o cura das Encrobas, foi un crego e político galego e caracterizouse por falar galego, non empregar o vestiario tradicional dos cregos e calzar a boina. Tamén se negou a cobrar a paga de sacerdote as taxas polos servizos relixiosos. Por iso, e polas súas ideas a prol dos máis pobres, chegaron os seus primeiros enfrontamentos coa autoridade eclesiástica e a súa cada vez maior implicación co movemento antifranquista. De feito, o Partido Comunista chegou a instalar unha imprenta na casa reitoral, que se converteu nun punto de encontro de pluralidade para distintos colectivos de distintas ideoloxías.
O cura das Encrobas.
Esta pequena parroquia do concello de Cerceda protagonizou unha longa loita contra a empresa Fenosa cando pretendeu expropiar as súas terras para a construción da mina de lignitos, que hoxe invade o que un día foi un fértil val. Moncho implicouse totalmente na defensa dos labregos chegando a ser coñecido en toda Galiza como o “cura das Encrobas”. Sucedéronse as mobilización dos veciños e os actos de solidariedade por toda Galiza. O punto álxido desta loita chegou, o 15 de febreiro de 1977, cando a empresa decidiu ocupar as terras dos labregos, que só puido facelo despois dunha forte confrontación dos veciños coa garda civil e cando aqueles foron detidos e baixados do monte un a un.
Exposición no Museo do Pobo Galego
Precisamente, para lembrar a súa traxectoria de reivindicación e compromiso, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino Non e a Irmandade Moncho Valcarce, organizan dúas visitas guiadas á exposición temporal “Moncho Valcarce: Unha vida de compromiso con Galiza”, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Serán este martes e comezarán ás 18.30 e 19h.
Os actos rematarán coa homenaxe a Moncho Valcarce, no exterior do Museo, no que participarán diversas personalidades da cultura galega e na que haberá poesía, música e micrófono aberto.
Máis información e bio sobre Moncho Valcarce na web http://www.monchovalcarce.org