fbpx
Antiga adega da Reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, que algberga o museo etnográfico da localidade / xunta.gal

Denuncian a privatización dun museo tras investir nel 1,36 millóns de euros públicos

Tempo de lectura: 2 min.

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a entrega a mans privadas do Museo do Viño de Ribadavia, que abrirá as súas portas o próximo mes de outubro. Así, tras investir 1,36 millóns de euros na musealización deste centro, situado na antiga reitoral de Santo André de Campo Redondo, a Consellaría decidiu privatizar a xestión e explotación da instalación.

Segundo o sindicato, a execución do proxecto expositivo e de musealización custou case 420.000 euros, mentres que o conxunto do proxecto ascendeu a 1,36 millóns. Malia este forte investimento público, a Consellaría de Cultura ten en trámite “a concesión do servizo de atención ao público e control das instalacións” por un importe de pouco máis de 74.000 euros. “Entrégase unha vez máis ao beneficio privado a xestión dun servizo público, pagado co diñeiro de toda a cidadanía”, denuncia este sindicato.

Para CCOO, o caso deste museo é “un exemplo máis do afán privatizador, con carácter depredador” do Partido Popular desde que ocupa o poder da Xunta de Galicia. Tras encomendar á xestión privada servizos como a limpeza, a vixilancia, o mantemento ou a seguridade, “agora é a vez das industrias culturais”, apuntan desde Comisións.

Castro de San Cibrán de Las / terraarqueos.com

Outros exemplos

Neste sentido, suliña que, na provincia de Ourense hai varios exemplos disto, como a xestión e explotación integral do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las (Santo Amaro, Punxín) e en Pontevedra a do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro, no que se utilizou a mesma fórmula.

CCOO tamén denuncia a “nefasta” xestión en materia de infraestruturas culturais por parte das Administracións no que á provincia de Ourense se refire. Apunta que o Museo Arqueolóxico de Ourense leva pechado dezasete anos e Biblioteca Pública e o Arquivo Histórico Provincial levan máis de doce anos de espera para trasladarse definitivamente ás novas instalacións en San Francisco, cando as obras foron adxudicadas por primeira vez no ano 2003.

Por último, o sindicato crítica tamén a xestión da Consellaría en materia laboral. Dos catro centros existentes na provincia (Arquivo Histórico, Biblioteca Pública, Museo Arqueolóxico e Museo Etnolóxico), din que todos eles tiveron carencias e ausencia de persoal ao non cubrir a Consellería nin vacantes nin substitucións. “Por exemplo, o Museo Etnolóxico de Ribadavia tivo que tomar a decisión de pechar polas tardes por falta de traballadoras ou traballadores: dos oito postos de persoal laboral só estaban cubertos tres, nalgún momento dous”, engade.

Pode que che interese...