Estas son as “Imaxes do Patrimonio” galego-portugués
Unha ducia de persoas, a maioría mulleres, arredor de cadansúa bicicleta, retratándose no ano 1960 en Salvaterra de Miño xusto antes de saír a percorrer máis dunha ducia de quilómetros para iren a unha festa de entroido nunha vila veciña; a familia dun rico propietario agrícola da parroquiaportuguesa de Serzedo, retornado con fortuna da emigración brasileira, a comezos do século XX; unha familia de labregos canda aos seus animais preparados para iren ao millo… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no I Certame de Fotografía ‘Imaxes do Patrimonio’ convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!
Co inicio do presente curso, esta entidade fixo público o conxunto de fotografías premiadas (dez imaxes premiadas nas categorías de ensino primario e secundario) e participantes (arredor dun milleiro de imaxes recibidas). Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Vitor Pinto profesor e fotógrafo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Unha familia de labregos canda aos seus animais preparados para iren ao millo / Ponte nas Ondas
“Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común”, apunta esta entidade nun comunicado. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
Gran calidade dos traballos presentados
O xurado destaca a gran calidade das imaxes recibidas, acompañadas de textos con referencias explicativas. Os premios serán entregados nun evento a celebrar o próximo mes de novembro, arredor do Día do Patrimonio. A lista de gañadoras é a seguinte:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio Miriam Sousa Magallanes,
CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño)
2º Premio Gonzalo Faro Casamayor
CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño)
3º Premio Roberto Rajo Gómez
CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño)
4º Premio Lucas Nande Cambra
CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño)
5º Premio Sofía Carrete García
CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro)
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio Vasco Resende de Sousa
Escola EB2/3 Sophia Mello Breyner – Arcozelo
2º Premio Martín Vidal Márquez
IES Terra de Turonio
3º Premio Maruxa Malvar Torres
IES Ponte Caldelas
4º Premio Iria Martinez Sambade
IES Plurilingüe Fontexería- Muros
5º Premio Alexandra da Silva Artilheiro
Escola Profissional Infante D. Henrique
Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEIP Infante Felipe de Salvaterra de Miño.
As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón: http://escolasnasondas.com/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

A familia dun rico propietario agrícola da parroquia portuguesa de Serzedo, retornado con fortuna da emigración brasileira, a comezos do século XX