Descobre frescos flamencos e pinturas únicas no medio da Ribeira Sacra
A Igrexa de San Vicenzo de Pinol non é unha igrexa calquera. É un fermoso templo do século XIII que oculta uns frescos flamencos e pinturas únicas no medio da Ribeira Sacra. E, precisamente, esa igrexa será unha das paradas nas que os guías da Asociación O Colado do Vento farán unha parada dentro do roteiro polos Canóns do Sil que organiza Rutas de Historia coa colaboración deste portal, Historia de Galicia ( ver como apuntarse).
Este templo foi obxecto dunha importante restauración, sobre todo, para protexer o máis valioso que conserva; o artesonado do teito, de madeira de nogueira, que presenta un carácter case único en Galicia polo seu estado de conservación. E o certo é que as vigas están decoradas con figuras xeométricas, motivos vexetais e representacións de animais fantásticos.
Crese que estas pinturas son da mesma época cos frescos, do século XVI e de estilo flamenco. Neles pódense ver unha representación do martirio de san Sebastián e unha imaxe de san Cristóbal, da que só se ve un garrote, que constitúe un dos seus atributos típicos.
Tamén salientan os retablos barrocos da igrexa, estudados pola historiadora Saleta López Vázquez. Un deles, datado no século XVII, representa a Sacra Familia con imaxes de san Antonio, san Roque e san Blas. O outro, un século posterior, ten imaxes de san Vicente, a Virxe da Carmen e o Sacro Corazón.
O roteiro “As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia” terá lugar este sábado en Sober. Un día despois, e a poucos quilómetros, entre Monforte e Pobra do Brollón terá lugar outro interesante roteiro; “Polas terras irredentas de Lemos: A última gran batalla dos guerrilleiros en Galicia” (Podes apuntarte aquí). Calquera información adicional podes escribir a info@rutasdehistoria.com ou no teléfono 662346371.