fbpx
Torre de Caldaloba / foto Xabier Moure

O último asalto á fortaleza de Pardo de Cela

Tempo de lectura: 2 min.

Este domingo tivo lugar en Cospeito a I Toma Cultural da Caldaloba, un asalto simbólico á última torre na que resistiu a familia do Pardo de Cela. A fortaleza foi escenario de poesías e músicas nun acto lúdico e reivindicativo que tivo como fin chamar a atención sobre a protección do patrimonio do país.

O acto na torre comezou cunha marcha cara á fortaleza, onde se deu lectura a un manifesto, e logo houbo un percorrido didáctico para explicar a historia do lugar; non só da fortaleza medieval, tamén do anterior, onde houbo ubicado un castro. Despois sesión de música e poesía e un xantar popular.

Antón Tenreiro, da asociación Os Vilares, Lareira de Soños, explica nunha entrevista en Lugo Xornal os obxectivos deste simbólico acto. “O que pretendemos é facer unha chamada de atención sobre isto. Non falamos dunha torre calquera: ten unha carga simbólica moi importante, é a nosa historia”, suliña sobre o seu estado.

Ilustración de Pedro Pardo de Cela

En mans privadas

E por que está así?. “É que está en mans privadas, coma tantos outros monumentos, e esas mans privadas non teñen moitas veces a capacidade de actuar sobre o ben e restauralo. Ao final, uns polo outros, acaba indo a peor ano a ano”, engade.

Os Vilares Lareira de Soños é un proxecto que naceu en 2014 –a asociación naceu posteriormente– coincidindo co ano en que adicaron o Día das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro, que era orixinario dos Vilares, do lugar de Vilariño. Esta entidade tamén pide que se restauren os frescos de San Vicenzo dos Vilares.

“Non é un tema caprichoso: patrimonio hai moito, material e inmaterial, moito etnográfico por todo o rural chairego e galego en xeral. Temos a sorte de que a nosa Cidade da Cultura é o país completo, temos o románico máis importante de Europa, o que quere dicir que é o máis importante do mundo. E en moitos casos está caendo, abandonado sen aviso, mentres se gastan os cartos en monumentos faraónicos”, indica. Podes ler toda a entrevista en LG.

Pode que che interese...