fbpx
Menorah, ou menorá, na Catedral de Tui, que dá fe da presenza de xudeus na cidade / turismoriasbaixas.com

Sabes onde se conserva unha sinagoga, unha carnicería e vivendas de xudeus en Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

Tui é unha das grandes cidades medievais galegas con máis presenza de xudeus, pero a diferencia de Monforte ou Ribadavia non pertence á Red de Juderías de España, unha rede que impulsa a presenza hebraica no Estado e que supón unha forte atracción turística.

Suso Vila, técnico da Catedral de Tui e colaborador de Historia de Galicia, é un dos principais portavoces da candidatura deste municipio para entrar nesta rede. Xornal de Vigo fíxolle unha interesante entrevista sobre o pasado xudeu da vila, da habilidade destes para o comercio ou das persecucións relixiosas ao longo da Historia, así como da posibilidade de crear unha ruta xudea transfronteiriza entre Galicia e Portugal. Así, suliña que, coa entrada neste proxecto turístico, Tui sería un paso máis na creación dunha ruta galaica-portuguesa, e o establecemento de proxectos comúns cos veciños lusos.

E, por que chegaron os xudeus a Tui?. “Nos séculos XI e XII, fuxindo dos almorábides. Decidiron refuxiarse nas cidades do norte, ante o empuxe destes radicais relixiosos. No século XII xa están consolidados en Tui, de feito construiuse unha sinagoga pegada á muralla”, engade.

Sanbenitos de Tui que se colocaban aos conversos xudeus nos séculos XVI e XVII / agai.com

Os restos dos xudeus en Tui

De feito, aínda se conservan restos da sinagoga na bodega dunha casa. Tamén a entrada da cidade de Tui, a Porta da Pía, debe o seu nome á comunidade xudía porque a carón desta estaba o barrio xudeu, do que se conservan vivendas como a de Salomón ou a dos Capeláns, cos rostros de Moisés e Aarón.

Ao norte da vila está a Torre do Xudeu. Probablemente existiu alí un segundo núcleo xudeu na vila, no século XIII. Detrás da Catedral, estaba a antiga carnicería xudía, a única documentada de Galicia, desaparecida tralas guerras feudais que asolaron Tui.

Logo do decreto de expulsión dos Reis Católicos en 1492, moitos se convertiron ao Catolicismo, pero seguiron practicando a súa relixión en segredo. Outros volveron, máis tarde, da súa emigración ata que comezaron as duras persecucións da Inquisición. Desa época, do XVI e XVII, son os sambenitos da Catedral de Tui, os únicos conservados en Galicia, e que son pezas extraordinarias. Podes ler toda a entrevista aquí.

Pode que che interese...