fbpx
Exemplares da revista Lar. 1924. Na exposición de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo; unha ollada á arte do século XX

Tempo de lectura: 7 min.

No Pazo de Fonseca en Santiago, baixo o artesoado de madeira e as bóvedas góticas, atópase o traballo de dous homes da arte e cultura galega: Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo. Pai e fillo, entre ambos súmase mais de cen anos de carreira artística e traxectoria persoal. Cada sala recolle de forma concreta a laboura de ambos en Compostela, que reflicte dende o senso integrador e colectivo de Díaz Baliño ata proxectos vitais como o Instituto Galego de Información de Díaz Pardo.

Camilo Díaz Baliño naceu o mediodía do 15 de Xulio de 1889, no número 5 da Rúa Magdalena en Ferrol. Os seus pais, Camila Baliño -orixinaria de Ferrol- e Germán Díaz -da vila de Ortigueira-, trasladaranse a Ferrol co fin de abrir un comercio e foi nesta cidade onde naceu Camilo. Mais adiante toda a familia trasladaríase a Coruña, onde tería lugar dous feitos decisivos para el: un foi o nacemento da súa paixón polas belas artes e a outra que foi nesta cidade onde coñeceu a que sería a súa muller, Antonia Pardo. Logo en 1920, ambos instalados en Santiago, Díaz Baliño abriu o seu Taller de Escenografía y Propaganda no número 37 da Rúa das Hortas. Foi entón en 1920 cando naceu Isaac, tendo como irmá maior a Mercedes (nada en 1916), así como o comezo da súa fase de maior fama na que é notable o seu traballo coa Empresa Fraga.

A maior parte das obras expostas na sala son da década dos anos 20. Están presentes libros admirables pola súa calidade plástica, como a capa de A tentación (1920) de Euxenio Carré, Almas mortas (1922) de Antón Vilar Ponte, Quiso robar una estrella (1923) de Ortiz Novo, Lubicán (1924) de Armando Cotarelo y Valledor, Nubes e sombras (1927) e Hojas del corazón (1928) de Salvador García Bodaño e o Poema da Cruña (1933) de Xosé Rubinos. Deste estético conxunto, destacan as floraisDa vella roseira (1925) de Victoriano Taibo e A Rosa de Cen Follas (1927) de Ramón Cabanillas. Dando contestación a este conxunto están os 40 exemplares da revista Lar (1924-1926), na que a anta iluminada pola lúa -inspirada na súa pintura do Tríptico dos Homes de Brigantia-, enmarcada polas criaturas románicas extraordinarias, definen o estilo de Díaz Baliño nesta época.

As dúas versións de A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida. Exposición de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo

Un estilo que Filgueira Valverde definiu no seu artigo No centenario de Camilo Díaz, publicado en La Voz de Galicia o 24 de Novembro de 1989, como “novo prerrafaelismo”; Filgueira foi moi lúcido nesta afirmación, porque a pintura e deseño gráfico de Díaz Baliño ben poden poñerse en liña cos lenzos de Evelyn de Morgan ou Edward Burne-Jones. No noso artista predominan as composicións sinxelas pero moi estudadas, esquemas cromáticos de dúas ou tres cores escollidas pero combinadas de forma sofisticada, cores sólidas en tons densos, pinceladas transparentes, luminosidade nítida, atención intensa a Natureza, detalle extremo e un acabado moi figurativo. Pero o que mais chama del é a atmosfera que flota nas súas obras, a fantasía inspirada na exploración de cada matiz da realidade, da esencia dunha cor, dun fenómeno natural ou dun relato. Non é de estrañar que cando Luís Seoane lle adicara unha sesión a Díaz Baliño no seu programa radiofónico dixera del o seguinte:

A súa obra pertence polo seu estilo ao modernismo de comezos de século, coas influencias naturais de Bakst, de Roerich, que desde os Ballets Rusos trocaran o sentido da escenografía, ou de algún anterior como Carpezart, enamorado das vellas ruínas, aínda que no escenógrafo galego había un maior desexo de sintetismo mais de acordo coa súa época.

E continúa mais adiante:

Os seus pouco óleos, onde predominan o azul e o negro, representan con frecuencia dolmens célticos, imaxinadas paisaxes antigas dunha Galicia perdida no tempo, como se tivese querido entroncar a súa pintura a temática poética de Pondal.

Esta observación de Seoane expresada en Camilo Díaz Baliño o 17 de Marzo de 1959 nas Comunicacións cruzadas pode confirmarse ao analizar a iconografía e as imaxes do artista sobre o tema da celticidade. De ler a obra poética de Pondal, veríase a retroalimentación entre a influencia da súa poesía en Díaz Baliño e como o imaxinario do artista proxectouse no bardo. A maxestade de Lar combínese co Ex Libris que Díaz Baliño deseñou para acompañar a revista, co magnífico Druída do Tríptico dos Homes de Brigantia contemplando a Lúa. Estas imaxes son coetáneas da capa de A Nosa Terra de 1923 ca primeira versión da Ara Gael e a capa tamén para ANT de 1925 ca anta coroada cunha estrela, entre piñeiros, carballos e motivos ornamentais do barroco de placas. Estas visións artísticas son a resposta as verbas que Pondal escribiu, como estas do seu prólogo de Rumores de los Pinos en 1886:

Y como en todo fluye un hálito de irrealidad fugitiva, como es todo un dulce, milagroso y profético ensueño soñado, el bardo debe crear un lenguaje mágico y un mundo idealizado, poetizado de vidas mitológicas. Por eso Gundar, el sonoroso, levanta el velo levísimo de su fantasía para que brinquen por los antiguos pinares de Jacobusland, Maroñas, la del seno albariño, Morpeguite la de los ojos de brétema, Baltar la de los pies de pluma, Rouriz la fugitiva, Cairbar y Gundariz los de cuerpo lanzal, Tomil el de noble andar, Termude el pastor, Rentar la saudosa y garrida.

En torno del viejo dolmen iluminado por la luna que clava el doble mojón de sus pies en la tierra roja y endurecida del rumoroso pinar de Tella, danzarán las hadas y las diosas, los pastores y los guerreros, la danza escintilante. Será entonces cuando en el dorado libro de los cánticos el nombre de Eduardo Pondal quedará esculpido para siempre.

Rapaza deitada. 1973. Exposición Isaac Díaz Pardo e Camilo Díaz Baliño

Toda esta colección vese acompañada das reproducións dos retratos fotográficos de Díaz Baliño con Mercedes e Isaac en 1921, 1922, 1924, 1926 e 1935. Entre outras obras están expostos o Cartaz Castromil e o narrativo Automóbiles Cleveland, Chandler e Hupmovile. O efecto acumulativo suma entre outras obras o Proxecto de decoración do Teatro Cervantes en Vilagarcía de Arousa, o Esbozo do pendón do Concello de Santiago de 1928, así como o propio pendón bordado. Tamén o Proxecto do tapiz pintado para a Cámara de Comercio (1932) e a Maqueta da escenografía do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago para a ópera Ultreya (1934), para un acto desta ópera composta por Rodrigo Losada sobre o libro de Armando Cotarelo. Estas derradeiras pezas mostran a evolución do estilo de Díaz Baliño, no que adquire maior abstracción, dinamismo e sintetización, empregando trazos limpos que transmitan enerxía e movemento. De novo Seoane concretou na radio a expresión desta madurez artística:

Camilo Díaz foi en certo xeito unha natureza romántica modificada polas ideas estéticas da Art Nouveau de comezos de século, establecidas con características especiais en Munich, e influíndo desde esta cidade algúns xéneros da arte nos seus primeiros vinte anos.

O exposto vese completado con obras de grande formato, como as pinturas executadas para a inauguración da emisora de radio situada en S. Domingo de Bonaval en 1933, os moi Decó cartaces das Fiestras tradicionales do 25 de Xullo de 1933 e os do Estatuto, aparecendo en secuencia o de Díaz Baliño, Castelao e dous realizados por Díaz Pardo en 1936. Xunto a eles están os cadros Seminaristas e Coengos e os dezaseis Retratos de cadea que o artista realizou antes de ser fusilado o 14 de Agosto de 1936 en Palas de Rei, preto do lugar de Saa, na parroquia de Meixide.

Isaac Díaz Pardo tiña dezaseis anos cando o seu pai foi atopado nunha fosa aberta no lugar onde morreu. O tempo que ambos compartiron foi unha época na que Camilo foi unha fonte da que Isaac bebeu e que logo filtraríase de moi diferentes maneiras. A sala que se lle dedica presenta dous ciclos da súa creatividade artística e cultural. O primeiro deles é o da década de 1950. Están dispostas en vitrinas unha sopeira da etapa clásica (1950), o escultural reloxo de Cronos devorando os seus fillos (1950) e dous candelabros (1950) modelados en Cerámica de O Castro. As dúas derradeiras obras levan a firma persoal de Díaz Pardo: unha anta moi estilizada. Nos candelabros a firma aparece na parte posterior xusto na base. E no reloxo aparece de forma dobre, no interior do círculo situado atrás i logo ao pé das figuras. Correspondendo a esta época son o grande lenzo O discurso (1946), Xente que ve algo externo (1955) e Xentes que ollan vir algo (1955). Neste recorrido, para abrir o segundo ciclo, está presente a poderosa escultura en grés Rapaza deitada (1973) que introduce o percorrido da laboura de Díaz Pardo a partir dos anos 60. Xunto a Seoane primeiro vese a creación de ambos do Laboratorio de Formas en 1963, seguíndolle a abertura de Edicións O Castro en 1963, continuando coa formación e consolidación do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside en 1970 e finalmente, recuperando a actividade da Fábrica de Sargadelos en 1970, comezando nel o Seminario de Sargadelos. Esta actividade titánica conflúe coa inauguración da Galería de Sargadelos en Santiago no 16 da rúa Nova en 1978. Pola relevancia deste acto, celebrouse unha exposición en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos.

Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo no Castro de Samoedo. 1969. Foto de Eduardo Blanco-Amor.

As dúas versións de A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida, realizadas en 1973 e 1974, transmiten moitas das características propias das obras de Díaz Pardo. Un humanismo realista e afirmativo, sempre mirando ao futuro co aprendido ao longo do tempo. Pero non se trata de imaxes depresivas senón didácticas. Sen perder o ton festivo i estimulante dan recursos que serven para construír proxectos calquera que sexan as circunstancias. Díaz Baliño exercera de profesor en Santiago, e Díaz Pardo foi tamén mestre. Xunto as fotografías del en compaña de Fraguas, Colmeiro, Seoane -naturalmente- ou Laxeiro e o autorretrato do artista en 1944, está a ilustración dunha árbore florecente. Fora pintada por Díaz Pardo en 1999 e púxolle o título de 60 anos despois. O seu pai creara imaxes evocadoras pioneiras. I el, como a través desta árbore renacida, creou símbolos identitarios activos.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...