fbpx
Proxecto de produción de electricidade de Tesla a comezos do século XX

Descobre cando os composteláns promoveron unha fábrica de electricidade para romper o monopolio eléctrico

Tempo de lectura: 2 min.

A comezos do século XX, cando a electricidade comezou a popularizarse nas principais cidades de Galicia, era habitual que o modelo de xeración eléctrica fose case esencialmente local. Cada cidade e cada conxunto de vilas contaba cunha ou con sorte varias fábricas de electricidade ou importaban a enerxía dende algunha central a non moitos quilómetros. Salvo excepcións funcionaban aproveitando a enerxía de saltos de auga ou da queima de carbón -ou gas- que se traía dende outros lugares de Galicia, León ou Asturias. En moitas cidades, coma no caso de Compostela, consérvanse aínda algunha destas fábricas de electricidade.

E é que nas primeiras décadas de século, en Santiago, a Sociedad de Gas y Electricidad exercía o monopolio da electricidade na urbe. A súa fábrica de electricidade, tal e como se lles chamaba naquel momento, atopábase moi preto da actual Montero Ríos. A empresa, baseada na combustión, abastecía á cidade dunha enerxía que era un motor imprescindible do novo tempo. Máis a Sociedade de Gas y Electricidad facíao dun xeito abusivo, xa que, sen competencia e vendendo un produto de necesidade esencial, funcionaba cuns prezos especialmente engordados respecto dos propios gastos de produción e dos doutras cidades e lugares de Galicia.

Mais varios empresarios da cidade, conscientes do abuso e dándose conta que sería máis barato producir electricidade de seu que mercarlla á Sociedade de Electricidade e Gas, decidiron levantar unha nova fábrica. Foi daquela cando formaron a Cooperativa Eléctrica Santiaguesa, que construíu unha segunda central na cidade no lugar chamado daquela Braña da Galeira. O edificio, unha nave industrial de filiación modernista, foi construída entre os anos 1917 e 1919 polo arquitecto local Jesús López de Rego e contiña un xerador eléctrico que producía tamén enerxía a partir da combustión.

Esta fábrica foi xestionada pola cooperativa ata o ano 1926 cando foi mercada por unha das sociedades pioneiras do sector, a Sociedad General Gallega de Electricidad, que sería unha das bases de Fenosa. O edificio conservouse na cidade e atópase aínda na rúa Galeras, coñecéndose popularmente como a Casa das Máquinas. Unha vez a produción de enerxía deixou de ser de ámbito local o edificio foi conservado como unha nave de xestión e ó seu redor construíronse na década de 1980 as oficinas de Fenosa na cidade. Dende o ano 2001 sucedéronse os proxectos para a súa rehabilitación.

Unha construción singular

Jesús López de Rego Labarta foi un dos arquitectos máis importantes do primeiro cuarto de século XX na cidade. Como arquitecto municipal (1912-1914) foi un dos pioneiros na conservación do casco histórico, sendo tamén un dos introdutores do estilo modernista na cidade, mentres ocupaba a súa praza como profesor de Mecánica e Construción Xeral na Escola de Artes e Industrias de Santiago ou como arquitecto diocesano. Das súas mans saíron obras como a casa da Finca do Espiño, o edificio do actual Aquivo Universitario, en Casas Reais, ou a capela de San Lázaro.

A construción da Casa das Máquinas responde precisamente a un estilo moi propio deste arquitecto, nunha estética completamente depurada na que as liñas curvadas e oblicuas son a base da súa plástica, mais non formando parte dos adornos modernistas senón da propia estrutura do edificio. Así ocorre nesta arquitectura que como arquitectura fabril e seguindo a estrutura da época, articula unha nave única con fachadas caladas por fiestras. As liñas verticais abertas nos panos dos muros son interrompidas con liñas curvas e conopiais derivadas da pronunciada estrutura a dúas augas.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...