fbpx
Carlos García Martínez, un dos principais impulsores e ex director do Museo do Pobo Galego / Xurxo Lobato

Homenaxe a un dos principais artífices do gran museo de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Carlos García Martínez, fundador e director do Museo do Pobo Galego, falecía o 17 de marzo de 2018 en Santiago de Compostela. Coincidindo co 41º aniversario da inauguración do museo, a institución quere recordar e renderlle homenaxe ao home que, ao longo de corenta e dous anos, foi o seu principal valedor.

A homenaxe terá lugar o sábado 27 de outubro ás 12.00h da mañá no Auditorio do Museo do Pobo Galego e estará conducida por María Xosé Fernández. No acto participarán persoas vinculadas profesional e afectivamente a Carlos García Martínez: Francisco Calo Lourido, Teresa Soeiro, Xosé Ramón Fandiño, Encarna Otero, Carlos A. García Pose en representación da familia e Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego. O acto contará cunha actuación musical a cargo de Miro Casabella e ao remate ofrecerase un viño de honor.

Unha vida unida ao Museo do Pobo Galego

Carlos García Martínez naceu en Compostela o 25 de abril de 1945. Licenciado en Dereito, nunca chegou a exercer a profesión, porque os seus intereses e devocións levárono polo camiño da Prehistoria. No outono de 1976, xunto con Justo Beramendi e Rafael Baltar, concibiu a idea de crear o Museo do Pobo Galego, auspiciada dende o Colexio de Arquitectos de Galicia.

O Museo abriu as súas portas o 29 de outubro de 1977, baixo a dirección de Antonio Fraguas. De secretario do centro, Carlos García Martínez pasou a ser subdirector primeiro, con funcións de director efectivo, ata que asume o cargo en 1999 tras o falecemento de don Antonio.

En paralelo á dirección do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez foi un dos protagonistas da creación do Consello Galego de Museos, que presidiu ata o seu falecemento. Tamén se comprometeu na refundación do Seminario de Estudos Galegos en 1980. Foi tamén membro correspondente da Real Academia Galega dende 1972 onde destacou polas súas aportacións no ámbito da arqueoloxía e da etnografía. Ao longo da súa traxectoria tamén foi membro da Fundación Pedrón de Ouro e da Fundación Castelao. Elaborou monografías como Arte rupestre en Campo Lameiro, Morfoloxía castrexa das terras de Compostela, Tipoloxía da vivenda popular galega ou De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes. En 1999 gañou o Premio Trasalba outorgado pola Fundación Otero Pedrayo polo seu traballo a favor da cultura galega.

Pode que che interese...