Nova polémica: o mestre de Castelao é o corpo de Cristo segundo unha páxina da Xunta
A polémica respecto o cadro A derradeira lección do mestre, de Castelao, semella non esgotarse. Se a pasada semana saltaba ós medios tras as declaracións de Alberto Núñez Feijóo tratando de maquillar ou ocultar, segundo para quen, a represión franquista no sentido do cadro do artista galego, esta semana a polémica volve de cheo ó atoparse na propia web da Xunta de Galicia unha nova posible ocultación do significado do cadro.
É nesta ocasión na páxina de Emigración Galega (www.emigraciongalega.xunta.gal), nunha ficha de inventario de obras galegas. Nela pode lerse que o tema “da última lección do mestre é precisamente sacrificarse ata acadar o martirio por ensinar aos demais”, un motivo que, segundo esta ficha, responde iconograficamente ó “vello tema de encadramento da lamentación ante o corpo de Cristo”. No breve texto dise que “na composición obsérvase un violento escorzo da figura do mestre (típicas das Deposicións de Cristo) e unha disposición e xestos de dor reprimida dos nenos”.
O comentario causou de novo un importante balbordo nas redes sociais, xa que, segundo os usuarios, na ficha, unha vez máis, trátase de pasar por alto á denuncia á barbarie franquista que Castelao quería facer coa súa obra e a alusión á morte do seu amigo Alexandre Bóveda. De feito na ficha a única alusión é á propia Guerra Civil pois afírmase que “o tema do mestre asasinado é un dos máis frecuentas da guerra civil española”. A ficha pode visitarse neste link.
- Portal de Emigración Galega
- Detalle da ficha co texto