fbpx
Unha das paisaxes tradicionais da Serra dos Ancares, agora en perigo / xunta.gal

Os Ancares, un paraíso cheo de historia, lendas e mitos que corren o risco do esquecemento

Tempo de lectura: 4 min.

Os Ancares será o centro do roteiro do vindeiro domingo. Unha andaina do proxecto Rutas de Historia que guiará Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares e que descubrirá as ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares. A ruta tamén pasará por lugares de grandisima beleza. Unha beleza e unhas paisaxes que, como alerta, Moure, están en risco ante o progresivo envellecemento e o despoboamento de toda esta comarca. Tamén a súa fermosa paisaxe, atacada por incendios e por especies como os eucaliptos ou os piñeiros que están substituíndo ás especies autóctonas.

Os interesados en participar nesta andaina, como na da Fonsagrada do día anterior, aínda están a tempo apuntándose aquí.

 

Este domingo visita aos Ancares, unha terra mítica e con gran sona en toda Galicia. A que cres que se debe isto?

Existen dous factores que converteron a Os Ancares nunha terra mítica: ser unha zona da alta montaña galega e o que isto conleva e, sobre todo, o seu illamento. Aínda hoxe moito se fala dos Ancares pero continúa a ser unha terra descoñecida para a maioría das persoas. De feito, ao falar dos Ancares, só xurden dous nomes: O Cebreiro e Piornedo, cando a comarca conta con 250 núcleos de poboación.

E que poderá coñecer a xente que se achegue á andaina?

Imos realizar unha ruta circular que nos vai transportar a gran parte da historia de Becerreá. Visitaremos un par de castros, transitaremos por un tramo da vía romana XIX, entraremos nunha cova, veremos algunha igrexa, admiraremos a maior obra de enxeñería do Camiño Real de Galicia…

Cova dos mouros, en Becerreá, nos Ancares / Xabier Moure

Tamén falarás de mouros… Precisamente, boa parte da tradición desa zona, e de boa parte de Galicia, xira en torno aos mouros e ás mouras. Quen son eses seres míticos das nosas lendas?

Tense escrito moito sobre as mouras e os mouros en Galicia. Eiquí na comarca, as lendas ao redor destes seres sobrenaturais están moi presentes. No Colectivo Patrimonio dos Ancares levamos recollidas máis dun cento de lendas relacionados con eles. A xente, ás cousas que non lle atopaba explicación, tiña que buscarlle sentido.

Haberá tamén sitio para falar das guerras. Pasaremos por lugares de fuxidos e da Guerra da Independencia. Foi os Ancares escenario bélico?

Sen dúbida, a comarca, Becerreá principalmente, xogou un papel moi importante durante a Guerra da Independencia. Os guerrilleiros galegos non lle deron tregua ao exército napoleónico. Durante a andaina veremos dous escenarios relacionados con ela.

Ademais foi un escenario importante durante a época romana. Hai quen fala que aí está o Monte Medulio?

Importantísimo escenario. Nos Ancares hai documentados varios campamentos temporais construídos polo exército romano. Por eiquí, tamén por Becerreá, pasaba a vía romana XIX, a máis antiga das tres documentadas en Galicia, que unía Lugo con Astorga. Percorreremos un pequeno tramo da mesma. E si, hai quen sitúa o mítico Monte Medulio na Serra do Pico, preto do mosteiro cisterciense de Penamaior.

Xabier Moure, de Patrimonio dos Ancares, nunha visita guiada con nenos nun dolmen / Xabier Moure

E se é coñecida tamén a serra dos Ancares é pola súa paisaxe e a súa beleza. Pero os lumes dos últimos anos non están arruinando esa imaxe idílica?

Si, lamentablemente os lumes están a converterse na gran praga da comarca. Pero non só os lumes, a paisaxe tan soada da comarca, famosa polas especies autóctonas, está a ser substituída por outras que nada teñen que ver coa zona. O feísmo urbanístico é outra das lacras, sen esquecernos do abandono de ducias de aldeas que están a converter a comarca nunha inmensa ruína.

Tamén está o drama do despoboamento e o envellecemento. Cres que este reducto de lendas e de historia pode estar en perigo?

Sen dúbida. Cada vez que unha persoa morre ou abandona o campo pérdese gran parte da nosa historia. Por iso dende o noso colectivo estamos a traballar dende hai anos na recollida da tradición oral para que isto non se perda.

Patrimonio dos Ancares é o nome da túa entidade. Cal é o voso principal cometido?

A defensa e a preservación do patrimonio, tanto material como inmaterial. Levamos anos loitando para que as administracións se decaten de que investir en patrimonio pode axudar a manter viva a comarca. A tarefa, lamentablemente, non é doada, pero imos dando pasos.

E cal cres que é o principal perigo do patrimonio da zona?

Claramente, a despoboación. Dende o ano 2004 a comarca perdeu o 25% dos seus habitantes. Sen xente, o patrimonio, sobre todo o inmaterial e etnográfico desaparece. Feito que tamén afecta aos edificios relixiosos. Por outra banda, o patrimonio arqueolóxico está a resultar moi afectado, principalmente polas plantacións de árbores alóctonas, coma os piñeiros e os ecucaliptos.

Pode que che interese...