A fonte “romana” de Moraime posiblemente non fora romana
A fonte do xacemento de San Xián de Moraime moi probablemente non fora romana. Así o aclaraba a empresa AXA Arqueoloxía fai uns días nas súas redes sociais, despois de “redescubrila” baixo o novo substrato dos terreos ó sur da parroquial románica. E é que “esta atópase construída sobre varias tumbas de laxa do século VII-VIII, cortando as mesmas, o que nos indica que a fonte non é dese momento”.
É que esta é, previsiblemente, a nova máis importante das conclusións que deixarán ás sondaxes feitas pola empresa no lugar, nuns arredor de 64 metros cadrados e que remataron a pasada semana. As sondaxes, feitas para avaliar o estado da escavación que fixo na década de 1970 Manuel Chamoso Lamas, remataron coa constatación do “potencial do xacemento arqueolóxico de Moraime”, cunha “secuencia histórica moi interesante e ilustrativa, que comeza coa construción dunha vila romana, da cal se atoparon restos estruturais e materiais” e que “remata coa construción do mosteiro románico de Moraime”.
- Plano no que documentou en 1972 Chamoso Lamas a campaña Detalle da escavación / foto cedida por AXA Arqueoloxía
- Fonte monumental achada por Chamoso Lamas / foto cedida por AXA Arqueoloxía
- Zona escavación en primeiro plano / foto cedida por AXA Arqueoloxía
- Detalle da escavación / foto cedida por AXA Arqueoloxía
Así, a pesares de que a fonte non correspondera con aquel período, as sondaxes si certificaron a presencia de restos do que podería ser unha vila romana. Segundo a empresa esta “foi continuada por un xacemento tardo antiguo que se inicia cunha necrópole de fosas escavadas en substrato” e “tamén, unha necrópole de tumbas de laxa de arco de paréntese” que se corresponderían co “século VII-VIII”. Por último, tal e como xa apuntara Chamoso o substrato superior corresponderíase con estruturas do antigo mosteiro románico, momento ó que, segundo eles, correspondería a fonte. Segundo a empresa o xacemento aparecería “parcialmente arrasado na zona de escavación de Chamoso Lamas pero con estruturas intactas ó redor”.

San Xian de Moraime tras as sondaxes / Foto HdG