fbpx
A néboa cae no Monte do Seixo

Así se foi forxando o mito da Montaña Máxica de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

Esta é a segunda parte do artigo “Como se forxou a lenda do Monte Seixo“.

Apurando o Ano Sarmiento, en decembro de 2002 presentouse un outro libro,Cerdedo na obra do Padre Sarmiento”, cuxa edición contou co patrocinio de Verbo Xido. Rememorando a visita do frade beneditino á casa natal das Raposeiras (decembro de 1745), houbo tempo para organizar a segunda edición do Roteiro Sarmiento. Para esta quenda invernal, propuxen en asemblea que, dende a localidade de Cerdedo e seguindo os pasos do frade, os participantes ascendésemos deica a cimeira do Outeiro do Coto (1.015 m), pola costa da Galgareta arriba. Devecía por transmitirlles aos nosos visitantes aquilo que os vellos me transmitiran a min; ansiaba revelarlle ao mundo a existencia de Portalén. Di o monte do Seixo: “Se es o meu amigho verdadeiro, venme ver de vrau e mais de inverno”. En conclusión, no mes de Nadal de 2002 realizouse a primeira visita guiada ao monte do Seixo. Faro de Vigo-Terra de Montes (12-12-2002) titulaba: “Verbo Xido inaugura la segunda ruta Padre Sarmiento con una marcha por el Seixo”. A cobertura que a prensa local lle deu ao evento, a capacidade difusora da incipiente Internet e o infalíbel boca a boca puxeron en marcha este formato pioneiro de intervención cultural sobre o terreo. Os segredos agochados no Seixo revertían xa as lombas da montaña.

Ao pouco, a alcaldía de Cerdedo apropiouse da iniciativa cultural do Roteiro Sarmiento e contratou unha empresa para deseñar un trazado alternativo (ano 2004). De puro electoralismo, a cacicaxe deixou caer o pazo das Raposeiras e acabou desvirtuando e cubrindo de piche o legado literario do frade ilustrado (léase Faro de Vigo-Terra de Montes, 4-11-2012 e 16-11-2012).

Dende o comezo, as visitas guiadas ao monte do Seixo non se limitaron ao realce do patrimonio ambiental, arqueolóxico ou inmaterial da montaña, senón que tamén se aproveitaron para lembrar a sarta de ilegalidades e despropósitos cometidos tras a decisión caciquil de transformar aquela porción de Rede Natura en solo industrial, e, para máis inri, en troco de pírricos beneficios para a comunidade. Sermos fieis á verdade, nadar a contracorrente do pensamento gregario supuxo gañar a animadversión do poder político local e, asemade, ser obxectivo da súa estratexia de silenciamento. Por desgraza, en Terra de Montes ninguén se move se non o ordena o señor feudal.

Porén, excursión tras excursión, os seareiros do monte do Seixo ían en aumento. As mensaxes de apoio, chegadas por canles diversas, motiváronme nos anos sucesivos a seguir organizando e guiando visitas aos santos lugares. A súa frecuencia incrementábase na tempada de verán. Como mostra de respecto pola tradición, xamais acompañei roteiro ningún no mes de Santos, data na que os sabios da tribo sinalaron a permeabilidade de Portalén: “Só debe acudir quen o necesita”.

A Cruz do Monte Seixo durante a visita realizada por Rutas de Historia

En outubro de 2005 saíu do prelo “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo” (Ed. Cardeñoso). Nesta edición, abordei de novo o asunto do Seixo e dos seus penedos con lenda, deixando por vez primeira constancia escrita de Portalén e das tradicións vinculadas co Máis Alá. O traballo de campo realizado durante o trienio 2002-05 arrequecía o xa publicado en 2002: o Almadraque de Pirocha (a Moura doncela), a Bichoca, o Campo do Boi, a Casa da Neve, o Castro Grande (galiña dos pitos de ouro, a cova do Castro, o Castro Pequeno, o rato Rabisaco, a Moura casadeira, a Pedra do Talle, a besta branca), Cavaladrós, Chan de Mamas, o Coto dos Chirimelos (Porta do Alén ou Portalén), a Cruz do Seixo, a fonte de Sanabarrigas, as Brañas Rubias, a fonte dos Belberichos, a Fontefría, o Home da Legua (outeiro das Lúas Novas), as lagoas de Xestido (Trentinán, santa Mariña, pozo da Muller Morta), a Laxa Mosqueira, a Laxamoura (a Moura vella, o arco da vella), o Marco do Vento, o Ollo de Bouciga, o Outeiro do Coto, Coios Brancos, Chan de Mamas (Tecelán de Carballás), o Moreo das Pedras, os outeiros da Penadrosa, a Penadaiga (paxaro Aigoto, ar da Penadaiga), a Ventá do Areal, a regueira de Picamillos, Trampa do Lobo, a Urceira de Graubuliña… Asemade, fun dando novas doutro filón inexplorado da nosa mitoloxía popular: os obxectos de poder, unha chea de amuletos e talismáns revelados nas miñas entrevistas (véxase “Almanaque de encantos”, páxs. 117-126, 2ª ed.).

A presentación á prensa do “Almanaque de encantos” en Cerdedo completouse, xaora, cun roteiro polo Seixo. Licenza de Thomas Mann, decidín por aquel entón adobiar o topónimo co apelativo de “Montaña Máxica”. La Voz de Galicia-Deza (6-12-2005) titulaba: “A montaña máxica de Cerdedo”; Faro de Vigo-Terra de Montes (12-12-2005): “Os míticos vixías do monte Seixo”; Diario de Pontevedra (8-1-2006): “Patria de lenda: Máis alá do monte Seixo. A reivindicación da montaña máxica”. Dende 2005, levo a conta precisa dos visitantes guiados.

No “Almanaque”, cun verniz lírico, mais fidel aos testemuños recadados nos meus encontros e conversas, Portalén ficaba retratada para a posteridade do seguinte xeito:

Xérmolos do alcouve pétreo do monte Seixo. Petoutos furados, rachados, regañados, gretados, fendidos, lañados… Pedras faladoras.

Chirimelos: oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós.

Calquera mortal pode achegarse á pedreira. Calquera, no mes de Santos, pode escoitar a resposta dos que habitan o Outro Mundo. Calquera pode atinxir as súas voces aboiando no abalo e devalo do vento.

De pretendermos novas do Máis Alá haberemos satisfacer a fame e sede dos defuntos. Cómpre achegar ao abrigadoiro da pena unha codia de pan e un copo de viño. Pousada a oferta, aqueles que todo o saben non adiarán a resposta.

O mesmo resultado obteremos se, no canto do pan e do viño, abeiramos unha candea. Aos mortos tamén lles sabe a luz.

O aquelado na Porta do Alén é segredo. Aquel que revele a fala dos antergos viraráselle rouca a voz”.

No ano 2006, deseñei para Verbo Xido un tríptico das rutas polo Seixo: “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”. Este folleto empregouse como programa de man e agasallo de lembranza, repartíndose de balde centos de exemplares entre os nosos visitantes. Portalén e o rato Rabisaco compartían protagonismo na lapela da portada. A denominación “Roteiro da Montaña Máxica” era xa unha marca consolidada.

Carlos Solla no coñecido como Marco do Vento, no Monte do Seixo

En abril de 2007, na cimeira do Outeiro do Coto, lin perante o público alí congregado a “Alternativa ecolóxica para o monte do Seixo”, arranque do Proxecto Montaña Máxica que defendín sen éxito perante a Administración, ao crelo merecente das atencións do Agader. Velaquí, arrouto de inxenuidade, a primeira dunha vintena de esixencias: “Retirar os aeroxeradores do circo máxico da montaña ou diminuír considerabelmente o seu número”. Naquela altura, calquera acto desenvolvido no monte do Seixo contaba con espazo abondo nos xornais. A cadea de transmisión da sabenza popular vía reforzados os seus elos.

Roteiro a roteiro, ensinando e aprendendo, foron moitas as persoas que me solicitaron xa non un folleto, senón unha publicación que, no formato do libro de peto, puidese ser empregada como complemento, ben para ilustrar a experiencia en directo, ben para evocala dende a distancia. Xa que logo, froito da insistencia, en 2007, editouse “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica” (Ed. Cardeñoso). Nesta obra, amais de escolmar da mitoloxía cerdedense as lendas do Seixo, sumei voces amigas na tarefa de apontoar o quefacer divulgativo e a irrenunciábel tarefa de denuncia. Os exemplares da primeira edición esgotáronse axiña. No ano 2010, ao coidado de Edicións Morgante, reeditaríase o “Almanaque de encantos” e, en 2011, vería a luz unha versión refundida da “Reivindicación da Montaña Máxica”.

Colectivos e asociacións seguían demandando roteiros. Provenientes dos catro puntos do país e de fóra das nosas fronteiras, milleiros de persoas, coma pingueira incesante, se foron dando cita no alto do monte.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...