fbpx
O coliseo / foto dianageaninaCC0

Celebramos os galegos o Halloween dos celtas ou dos romanos?

Tempo de lectura: 2 min.

Na noite do 31 de outubro ó 1 de novembro os galegos celebramos a noite de Defuntos ou o Samaín. Unha celebración para recordar os que xa non están con nós e os que nos precederon. É, sen dúbida, a noite do ano na que o mundo dos mortos e o dos vivos está máis preto. Pero, procede a nosa celebración do mundo celta ou do romano? Pois do mesmo xeito que as tradicións do mundo irlandés, escocés, galés ou bretón, ós que tradicionalmente se asocia Halloween, os romanos tamén celebraban unha festa ritual anual en honra dos seus defuntos.

A festa, chamada Lemuria ou Lemuralia era un rito na relixión romana na que non so se lembraba os que xa non están senón que se exorcizaba tamén a presencia dos espíritos dos mortos entre os vivos. Celebrábase dentro da festa chamada das Parentalias, que era unha semana anual adicada a recordar os defuntos de cada familia. Nela limpábanse as sepulturas e se lle levaban flores, leite, mel ou viño, ademais de queimar incenso na súa honra.

Mais a última noite das Parentalias era a da Lemuralia, unha noite que do mesmo xeito que no Halloween considerábase como unha porta entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Na noite de Lemuralia xuntábase a superstición e a relixión, e se celebraban rituais fronte os Larvael ou espíritos inquedos ós que á terra non lle “fora grave”. Nesa noite facíaselles ofrendas con fabas brancas ou procesións ó redor da casa e as sacerdotisas vestáis preparaban unha salsa sagrada coas primeiras espigas do trigo.

Un druída / foto TheMartianCC0

Malia iso o certo é que para os investigadores a relación entre o Lemuralia e o noso Samaín podería ser limitada. Entre os motivos máis evidentes está a propia data da celebración. Pois nós celebramos a noite de Defuntos o 31 de outubro mentres a noite da Lemuralia era, no calendario xuliano, entre os días 9 e 13 de maio. Coa chegada da relixión cristiá, do mesmo xeito que os romanos, celebrouse o día de Todos os Mártires, despois de Todos os Santos, ese mesmo día 13 de maio.

Como xa comentamos noutro artigo sobre Samaín, no século VII o papa Bonifacio IV institucionalizou este día de Todos os Santos no propio día 13 de maio. Máis un século despois, no ano 741, o papa Gregorio III modificaría a data para facela coincidir co 1 de novembro. E é que, unha vez máis, a celebración fíxose coincidir cunha data que tiña unha longa tradición como celebración pagá de defuntos. O 1 de novembro era o Samhain celta, unha celebración exactamente a mediados do outono astronómico, entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno, unha celebración relacionada coa chegada do inverno para as sociedades labregas e gandeiras precristiás.

Un cemiterio en Defuntos / foto jhraskonCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...