fbpx
A mámoa de maiores dimensións atopada ata agora en Navia de Suarna / Xabier Moure

Descobren a mámoa mellor conservada de Navia de Suarna durante un roteiro sobre patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

O día 17 de novembro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, con motivo do Día Mundial do Patrimonio, fixemos unha andaina para ver varias mámoas do concello de Navia de Suarna.

A celebración resultou frutífera xa que descubrimos dúas novas mámoas e os restos dun dolmen. Foi na Serra de Mera, a 750 metros de altitude, en terreos da aldea dos Vilares, na parroquia de Barcia.

A descuberta da primeira causounos bastante sorpresa por tres motivos. Primeiro, porque se atopa a uns 30 metros dun grupo formado por tres enterramentos catalogados tanto pola Xunta de Galicia como no PXOM do Concello. Segundo, porque resulta visible dende lonxe é ten unhas dimensións considerables, cuns 20 metros de diámetro e case 2 metros de altura. E terceiro, e máis importante, porque se trata, sen dúbida, da mámoa mellor conservada de Navia de Suarna, o que nos produciu unha enorme satisfacción xa que, por desgraza, non é o habitual. Aínda que se observa un pequeno cráter de profanación pouco profundo, cremos que se conserva case ao completo, véndose sobre o túmulo moitas pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza de protección.

Esteos do dolmen achado en Navia de Suarna / Xabier Moure

A uns 90 metros desta espléndida mámoa localizamos outra. Esta, pola contra, atópase practicamente arrasada, cremos que foi destruída hai bastantes anos. Tiña, aproximadamente, uns 14 metros de diámetro. Na actualidade só se eleva sobre o chan uns quince centímetros.

E por último, tamén localizamos os chantos dun dolmen que foi destruído hai moitos anos. Este sitio figura tanto no inventario da Xunta de Galicia como no PXOM de Navia de Suarna pero en coordenadas distintas (a uns 170 metros entre un e outro). Denominado como Furada dos Mouros, nas fichas dise que non o viron pero que, por referencias orais, tratábase “dunha entrada a unha cova ou abrigo de máis ou menos 1,5 metros de fondo”. Evidentemente, polo escaso fondo non podía tratarse dunha cova senón da cámara dun dolmen megalítico, o que puidemos constatar grazas as referencias dun veciño e porque no sitio (nas coordenadas que figuran na ficha de Patrimonio) consérvanse uns 9 ou 10 anacos de grandes pedras que foron partidas e que correspondían aos esteos do dolmen.

Con estas dúas novas descubertas, no concello de Navia de Suarna localízanse 38 mámoas. O seu estado de conservación xeral é malo ou moi malo. Segundo comprobamos os do noso colectivo, 21 atópanse gravemente alteradas e 13 case destruídas. Por informacións orais temos coñecemento de que ao menos 8 desapareceron. O pasado mes de agosto denunciamos a gravísima agresión a dúas mámoas da Campa das Penas, pertencente ao concello de Navia de Suarna, que foron case destruídas por maquinaria pesada ao facer unha plantación de eucaliptos.

As novas descubertas xa llo comunicamos por correo electrónico a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...